-
Antecedentes:
Non existe na Comunidade Autónoma de Galicia un marco legal específico destinado á rehabilitación e a rexeneración e renovación urbanas. A lexislación que afecta á rehabilitación e rexeneración urbana é dispersa e, ás veces, pouco flexible.
-
Problemas que se pretenden solucionar:
Incentivar a rehabilitación para a dinamización dos núcleos rurais e conxuntos históricos, facilitar a recuperación do xa construído e fomentar a cultura da rehabilitación, porque non hai maior desprotección dunha edificación que o seu abandono ou desuso.
Solucionar os principais problemas que atopa quen quere rehabilitar e que derivan da falta dun marco legal específico destinado á rehabilitación, rexeneración e renovación urbanas; das trabas administrativas e complexidade dos procedementos; das dificultades para adquirir inmobles para a súa rehabilitación e para obter condicións básicas de habitabilidade das vivendas nos conxuntos históricos.
Recuperar o espazos degradados, tanto dende o punto de vista arquitectónico como social, para que volvan a ser centros de actividade social, cultural e económica, e facer da recuperación das nosas aldeas, vilas e cidades un motor para o desenvolvemento demográfico, económico e social de Galicia.
-
Necesidade e oportunidade da súa aprobación:
A necesidade dunha nova norma vén dada pola necesidade de impulsar e axilizar as actuacións en materia de rehabilitación edificatoria e de rexeneración e renovación urbanas, facilitando as intervencións dos particulares e coordinando as políticas públicas nesta materia, dando resposta ás necesidades de actuación nas vivendas e locais, mellorando os servizos e infraestruturas, atendendo ás necesidades de mobilidade dos residentes e fomentando a eficiencia enerxética e o uso de enerxías renovables en consonancia coas directrices europeas.
Trátase de facilitar a rehabilitación aproveitando o patrimonio construído e respectando, no seu caso, o seu carácter histórico, a través dun marco administrativo propicio para a rehabilitación, rexeneración e renovación urbanas, especialmente dos conxuntos históricos, con normas e criterios para promover a súa sostibilidade, para favorecer a dinamización e reocupación desas áreas.
-
Obxectivos:
Simplificar as tramitacións administrativas necesarias para a realización das actuacións de rehabilitación edificatoria e de rexeneración e renovación urbanas, e promover a coordinación entre administracións para unha maior implicación de todas elas na recuperación de ámbitos moi deteriorados.
Impulsar a participación pública e privada nas actuacións de rexeneración e renovación de ámbitos urbanos ou rurais en estado de abandono, para que sexa atractivo vivir nestas áreas, poñendo ao mesmo nivel de importancia a protección do patrimonio cultural como a calidade de vida dos residentes e habitabilidade das vivendas.
Garantir a planificación, a coordinación e a cualificación técnica nas intervención e conseguir que os ámbitos rehabilitados ou rexenerados sexan un motor de desenvolvemento para o seu contorno, que xeren por si mesmos actividade económica e emprego.
-
Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:
A solución máis adecuada é dispoñer dunha ferramenta legal flexible que facilite as actuacións de rehabilitación edificatoria e de rexeneración e renovación urbanas, especialmente naqueles espazos máis vulnerables e abandonados.
Loxicamente neste texto normativo débense articular mecanismos de coordinación administrativa, de planificación das actuacións e instrumentos de simplificación das intervencións en materia de rehabilitación edificatoria e de rexeneración e renovación urbanas.
Así mesmo, débese favorecer a participación pública e fomentar a participación privada co obxecto de conseguir una dinamización integral dos ámbitos máis degradados.
-
Rango da norma:
Lei