-
Antecedentes:
A Comunidade Autónoma de Galicia ten competencia exclusiva en materia de servizos sociais segundo o disposto no artigo 27.23 do seu Estatuto de autonomía. En virtude desa atribución de competencias o Parlamento de Galicia aprobou a Lei 9/1991, do 2 de outubro, galega de medidas básicas para a inserción social (DOG nº 191, do 3 de outubro de 1991), que estableceu unha serie de medidas orientadas á loita contra a pobreza na Comunidade Autónoma e á reinserción social e/ou laboral das persoas afectadas polas diferentes formas de exclusión e marxinación social. Os principais programas creados pola dita lei para os fins citados foron a a renda de integración social de Galicia (RISGA) e as axudas para situación de emerxencia social (AES).
Neste contexto, e transcorridos varios anos de aplicación da lei, nos que se efectuou un continuo seguimento e avaliación dos mencionados programas establecidos na mesma, tanto desde o punto de vista da xestión e da implantación das prestacións, como do perfil das persoas beneficiarias, considerouse procedente a súa modificación a través da Lei 1/1999, do 5 de febreiro (DOG nº 36, do 22 de febreiro de 1999) e, posteriormente, a través da Lei 16/2004, do 29 de decembro (DOG nº 254, do 31 de decembro de 2004), que abordou unha segunda modificación lexislativa, reforzando os aspectos integradores desta política de renda mínima, co fin de acadar unha protección social máis favorable ao emprego.
Posteriormente, co obxectivo da mellora no eido dos servizos sociais, desenvolveuse un novo Sistema galego de servizos sociais, que ten como norma marco a Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia (DOG número 245, do 18 de decembro de 2008), cuxa disposición adicional cuarta, no seo dos acordos acadados no marco do diálogo social, incorporou o compromiso de revisar novamente a normativa da renda de integración social de Galicia (RISGA). Como consecuencia, e continuando co diálogo social desenvolvido na comunidade autónoma galega pactáronse as bases para unha nova Lei de inclusión social de Galicia, dando lugar á aprobación polo Parlamento da Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia (DOG número 249, do 31 de decembro de 2013), a cal regula unha nova renda de inclusión social de Galicia (RISGA) e tamén unhas novas axudas de inclusión social (AIS). Esta Lei establecía na disposición derradeira primeira a necesidade de elaborar as disposicións que fosen precisas para o seu desenvolvemento e aplicación.
-
Problemas que se pretenden solucionar:
Cómpre sinalar que o texto da Lei de inclusión social de Galicia ofrece unha regulación minuciosa e detallista, abordando con exhaustividade aspectos concretos do seu contido, chegando a presentar, en ocasións, unha óptica bastante regulamentista, sobre todo no relativo á regulación da tramitación. Non obstante, tanto no relativo á renda de inclusión social de Galicia como ás axudas de inclusión social, o propio texto legal esixe expresamente un desenvolvemento regulamentario en determinados aspectos que son os que precisamente se recollen no decreto.
Neste senso, a norma clarificará e desenvolverá determinados aspectos do texto legal relativos á tramitación das axudas de inclusión e do tramo persoal e familiar da RISGA, coa finalidade de permitir unha aplicación mais flexible naqueles aspectos nos que isto sexa posible. Así mesmo, a principal novidade que comportará a publicación desta norma é a entrada en vigor dos novos tramos de RISGA. Actualmente só está en vigor o tramo persoal e familiar e, de acordo co establecido na disposición derradeira segunda da lei 10/2013, a publicación do decreto suporá a entrada en vigor dos dous restantes, o de inserción e o de transición ao emprego, que teñen por obxectivo principal estimular o acceso ao emprego de persoas con dificultades para a inserción laboral.
-
Necesidade e oportunidade da súa aprobación:
Coa finalidade de cumprir o mencionado obxectivo lexislativo de facilitar e axilizar a tramitación dos procedementos administrativos de execución dos programas, afróntase, por primeira vez, a elaboración dunha disposición regulamentaria única que desenvolve tanto o programa da renda de inclusión social de Galicia como o das axudas de inclusión social. En calquera caso, á marxe do desenvolvemento obrigatorio ou facultativo, regúlanse outros aspectos que se consideran necesarios para unha mellora na tramitación de ambas as dúas prestacións. Inténtase conformar no regulamento un conxunto ordenado de disposicións que, respectando o tratamento sistemático establecido polo texto legal, permita unha comprensión máis sinxela, en especial, dos procedementos administrativos regulados, tratando de adecuar o contido dispositivo ao iter procedimental contemplado.
-
Obxectivos:
Este decreto ten por obxecto o desenvolvemento regulamentario da Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia, no relativo á tramitación da renda de inclusión social de Galicia e das axudas de inclusión social.
-
Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:
En cumprimento do mandato establecido pola propia lei 10/2013, non cabe alternativa á elaboración dun decreto como o que se pretende para a regulación desta materia. Dada a especificidade da mesma, procede a tramitación dun decreto de desenvolvemento parcial que regule de forma específica a tramitación da renda de inclusión social de Galicia e das axudas de inclusión social, sen prexuízo de abordarse en ulteriores regulamentos o desenvolvemento doutras materias recollidas na Lei de inclusión social de Galicia.
-
Rango da norma:
Decreto