Decreto polo que se modifica o Decreto 159/2003, de 31 de xaneiro, polo que se regula a figura do mediador familiar, o Rexistro de Mediadores Familiares de Galicia e o Recoñecemento da Mediación Gratuíta

Órgano ou entidade impulsora: Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica

Departamento: Consellería de Política Social - Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica

Estado actual: Consulta pechada

Prazo no que estivo aberta a consulta: 29/09/2017 - 13/10/2017

Información sobre a norma :

  • Antecedentes:

    A Lei 4/2001, do 31 de maio, publicada no Diario Oficial de Galicia o 18 de xuño de 2001, reguladora da mediación familiar desenvolve a institución da mediación familiar en Galicia como método para procurar a solución dos conflitos que poidan xurdir nos supostos de ruptura matrimonial ou de parella. En desenvolvemento desta norma, o 18 de febreiro de 2003, publicouse o Decreto 159/2003, do 31 de xaneiro, que regula a figura do mediador familiar, o Rexistro de Mediadores Familiares de Galicia e o recoñecemento da mediación gratuíta.

    O capítulo II do dito Decreto desenvolve a institución do mediador familiar en Galicia. O artigo 3º recolle os requisitos de habilitación para a súa inscrición no Rexistro de Mediadores Familiares de Galicia, indicando a titulación necesaria, a experiencia requirida e a obrigatoriedade de estar en posesión das licenzas ou autorizacións pertinentes e, de ser o caso, a súa inscrición no colexio profesional correspondente.

  • Problemas que se pretenden solucionar:

    Adecuar a normativa autonómica contida no Decreto 159/2003, de 31 de xaneiro, polo que se regula a figura do mediador familiar, o Rexistro de Mediadores Familiares de Galicia e o Recoñecemento da Mediación Gratuíta, á  normativa estatal en materia de mediación recollida na Lei 5/2012, do 6 de xullo, de mediación en asuntos civís e mercantís e no Real Decreto 980/2013, do 13 de decembro polo que se desenvolven determinados aspectos desta.

  • Necesidade e oportunidade da súa aprobación:

    O artigo 11 da Lei 5/2012, do 6 de xullo, establece como condicións para exercer a mediación que o mediador estea en posesión de título oficial universitario ou de formación profesional superior, contar con formación específica e ter subscrito un seguro de responsabilidade civil.

    Pola súa banda, o artigo 3.2 do Decreto 159/2003, do 31 de xaneiro, esixe para obter a habilitación para inscrición no rexistro de mediadores de Galicia estar en posesión da titulación en dereito, psicoloxía, pedagoxía, psicopedagoxía, traballo social ou en educación social; experiencia profesional de dous anos e estar en posesión das licencias ou autorizacións para o exercicio da súa actividade profesional.

    Así pois, a norma galega limita o exercicio da mediación a determinadas titulacións, non esixe unha formación específica nin un seguro de responsabilidade civil. Por tanto, é necesario modificar os requisitos esixidos na normativa galega para adecualos ao previsto na normativa do Estado.

  • Obxectivos:

    A norma cuxa tramitación se inicia ten por obxecto modificar os requisitos para obter a correspondente habilitación para a inscrición no Rexistro de Mediadores Familiares de Galicia, en concreto:

    • Modificar as titulacións requiridas para poder inscribirse no Rexistro de Mediadores de Galicia.
    • Incorporar a formación como requisito para poder inscribirse no Rexistro de Mediadores de Galicia.
    • Establecer a necesidade de subscribir un seguro que cubra a responsabilidade civil derivada da actuación do mediador.
  • Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:

    As opcións regulatorias posibles son modificar o artigo 3.2 do Decreto 159/2003, do 31 de xaneiro, no seguinte  senso:

    • Incluír como titulacións necesarias para as inscricións no rexistro de Mediadores Familiares de Galicia as seguintes: título oficial universitario ou formación profesional superior
    • Regular a formación específica e necesaria para obter a correspondente habilitación no Rexistro de Mediadores Familiares de Galicia.
    • Establecer a necesidade de subscrición dun seguro obrigatorio que cubra a responsabilidade civil derivada da actuación dos mediadores familiares.
  • Rango da norma:

    Decreto

Achegas e opinións recibidas: 1