Orde pola que se regulan os órganos de goberno dos centros de formación náutico e marítimo-pesqueira da Consellería do Mar

Órgano ou entidade impulsora: Dirección Xeral Desenvolvemento Pesqueiro

Departamento: Consellería do Mar - Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro

Estado actual: Consulta pechada

Prazo no que estivo aberta a consulta: 26/06/2017 - 11/07/2017

Información sobre a norma :

  • Antecedentes:

    Ao abeiro do Decreto 428/1993,  foi publicada   a Orde do 13 de xuño de 1994 pola que se  regulan  os órganos de goberno dos centros de formación náutico-pesqueira, dependentes da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura,  que desenvolve e regula o preceptuado no título terceiro da Lei orgánica 8/1985, do 3 de xullo, reguladora do dereito á educación.
     
    A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, regula  no seu capítulo IV do título V, as Direccións dos centros docentes públicos que imparten as ensinanzas reguladas na lei, e no capítulo III do mesmo título o Consello Escolar e o Claustro de Profesorado, como órganos colexiados de goberno dos centros públicos.

    A Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa, modificou algúns aspectos da regulación establecida na Lei 2/2006 no relativo as competencias e aos procedementos de selección dos órganos de goberno dos centros públicos.

  • Problemas que se pretenden solucionar:

    A Orde do 13 de xuño de 1994 contemplaba  a selección da Dirección dos centros polo Consello Escolar e a  Lei orgánica 2/2006 indica que a selección e o nomeamento da Dirección dos centros públicos ten que efectuarse mediante un concurso de méritos.

     En referencia aos requisitos da persoa candidata que opte á Dirección, conforme á Orde do ano 1994  tiña que ser profesorado con destino definitivo no centro, e a Lei orgánica non recolle tal esixencia cando establece os requisitos para poder participar no concurso de méritos.

  • Necesidade e oportunidade da súa aprobación:

    Dado o tempo transcorrido cómpre actualizar a regulación dos órganos de goberno dos centros de formación náutico e marítimo-pesqueira  establecida na devandita Orde do ano 1994 conforme á normativa vixente.

  • Obxectivos:

    A presente orde ten por obxecto regular os órganos de goberno dos centros oficiais de formación náutico e marítimo pesqueira dependentes da Consellería do Mar, no relativo ao procedemento de selección, nomeamento e funcións.

  • Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:

    Non existe  outra opción  non regulatoria porque se trata  substituír unha orde reguladora  e ten que ser cunha norma do mesmo rango regulamentario.

  • Rango da norma:

    Orde