Decreto polo que se regula o deporte galego de alto nivel

Órgano ou entidade impulsora: Secretaria Xeral para o Deporte

Departamento: A Presidencia da Xunta - Secretaría Xeral para o Deporte

Estado actual: Consulta pechada

Prazo no que estivo aberta a consulta: 26/06/2017 - 10/07/2017

Información sobre a norma :

Antecedentes:

O Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, no seu artigo 27.22, atribúe á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva en materia de promoción do deporte.

O artigo 5 da Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia  establece, entre outras competencias que lle corresponden a administración autonómica, a de “regular e fomentar o deporte e os deportistas de alto nivel de Galicia e as categorías de deportistas, así como os requisitos para ser incluídos nestas e os seus beneficios”. Así, o artigo 34 reflicte que “Terán a consideración de Deportistas galegos de alto nivel, ou doutras categorías que se poidan establecer, aqueles deportistas que reúnan os requisitos establecidos regulamentariamente e sexan recoñecidos como tales pola Administración autonómica en función dos seus resultados, proxección, nivel deportivo, expectativas de progreso e interese para o deporte galego”. Igualmente, o artigo 35 inclúe a posibilidade de ampliar o recoñecemento de alto nivel aos técnicos, adestradores e árbitros. No artigo 36 reflíctense os beneficios que pode levar dito recoñecemento, e contempla a posibilidade de “establecer regulamentariamente a condición vitalicia de Deportista galego de alto nivel para aqueles que se caracterizasen especialmente por elevar o nivel do deporte galego ou a representación deportiva de Galicia”.

A devandita norma prevé expresamente no artigo cinco a competencia exclusiva da Administración autonómica para levar a cabo o desenvolvemento regulamentario da lei.
 

Problemas que se pretenden solucionar:

Con esta iniciativa preténdese harmonizar a normativa reguladora destes/as deportistas, establecendo un réxime claro de dereitos, beneficios e apoio, clarificar o procedemento de recoñecemento desta condición e incluír a aqueles colectivos que non figuraban amparados pola normativa vixente a día de hoxe, como os/as adestradores/as, árbitros/as e xuíces/xuízas, os centros de alto nivel e os núcleos de adestramento especializado.

Necesidade e oportunidade da súa aprobación:

Despois da experiencia adquirida coa aplicación desta normativa, das demandas de diferentes entidades deportivas, así como dos propios deportistas de Galicia, fai necesario e oportuno contar cunha nova regulación dirixida a este colectivo de deportistas galegos/as.

Obxectivos:

Aprobación das condicións, requisitos e procedementos para o recoñecemento da condición de deportista galego de alto nivel, así como as medidas de apoio a estes deportistas, xunto coa regulación doutros colectivos de alto nivel de Galicia.

Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:

A día de hoxe soamente se contempla unha solución regulatoria, en cumprimento de mandato legal.

Rango da norma:

Decreto