Orde pola que se establecen as bases reguladoras dos procesos electorais nas federacións deportivas galegas

Órgano ou entidade impulsora: Secretaría Xeral para o Deporte

Departamento: A Presidencia da Xunta - Secretaría Xeral para o Deporte

Estado actual: Consulta pechada

Prazo no que estivo aberta a consulta: 16/06/2017 - 01/07/2017

Información sobre a norma :

  • Antecedentes:

    O Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, no seu artigo 27.22, atribúe á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva en materia de promoción do deporte.

    En exercicio das súas competencias lexislativas en materia de promoción do deporte e da adecuada utilización do lecer, o Parlamento de Galicia dita a Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, establecéndose un novo marco xurídico para o desenvolvemento da política deportiva da Comunidade Autónoma de Galicia.

    O apartado 6 do artigo 58 da Lei do Deporte de Galicia preveu que o mandato dos membros da asemblea xeral e da presidenta ou do presidente das federacións deportivas galegas é de catro anos e establece a previsión de que esa renovación deberá levarse a cabo nos anos nos que teñan lugar os Xogos Olímpicos de Inverno.

  • Problemas que se pretenden solucionar:

    Con esta iniciativa preténdese aprobar as bases reguladoras dos procesos electorais nas federacións deportivas galegas, de forma que todas as federacións conten cun marco electoral uniforme para a renovación dos seus órganos de goberno.

  • Necesidade e oportunidade da súa aprobación:

    Tendo en conta que os Xogos Olímpicos de Inverno celebraranse no ano 2018, as federacións deportivas galegas, que figuren inscritas no Rexistro de Entidades Deportivas, deberán celebrar o proceso electoral que suporá renovación dos membros dos órganos de goberno das federacións deportivas galegas o próximo ano, polo que é necesario contar cunha normativa que regule eses procesos.

  • Obxectivos:

    Aprobación das bases para a celebración dos procesos electorais, mediante a determinación de calendario, elaboración dos regulamentos electorais dereitos e deberes dos electores e elixibles e demais cuestións que deben rexer a realización dos procesos electorais nas federacións deportivas galegas.

  • Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:

    A día de hoxe soamente se contempla unha solución regulatoria, pois trátase de establecer un marco xurídico para os procesos electorais que soamente pode establecerse a través dunha disposición regulamentaria, todo isto en virtude de mandato legal.

  • Rango da norma:

    Orde