Decreto polo que se regulan as infraestruturas de soporte e os espazos de reserva para o despregamento de redes de comunicacións electrónicas en áreas empresariais promovidas polas administracións públicas de Galicia

Órgano ou entidade impulsora: Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

Departamento: A Presidencia da Xunta - Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega)

Estado actual: Consulta pechada

Prazo no que estivo aberta a consulta: 02/06/2017 - 18/06/2017

Información sobre a norma :

  • Antecedentes:

    O artigo 10º da Lei 3/2013, do 20 de maio, de impulso e ordenación das infraestruturas de telecomunicacións de Galicia, establece que os proxectos de obra pública promovidos polas administracións públicas, deberán prever a instalación de canalizacións relativas aos servizos de comunicacións electrónicas así como a reserva de espazos habilitados para equipamentos de telecomunicacións e localizacións de radiocomunicacións.

    As redes de telecomunicacións constitúense como o elemento base que permitirá a prestación dos servizos dixitais avanzados precisos para a evolución da actividade empresarial, e así se reflicte na Axenda Dixital de Galicia 2020 e na Axenda de Competitividade de Galicia.

    Asegurar nas áreas empresariais a posibilidade de implantación das redes de telecomunicacións permitirá avanzar na transformación dixital do sector empresarial galego, o que lles permitirá ás empresas ofrecer produtos e servizos de maior valor engadido e manterse constantemente á vangarda nun mercado global.

  • Problemas que se pretenden solucionar:

    Para poder incorporar as vantaxes das novas tecnoloxías ás empresas, é esencial prever nas áreas empresariais as infraestruturas de soporte para o despregamento de redes de telecomunicación e os espazos de reserva habilitados para a colocación de equipamento de telecomunicacións e localizacións de radiocomunicacións.

  • Necesidade e oportunidade da súa aprobación:

    A previsión e incorporación destas infraestruturas de soporte e reserva de espazos necesarios para o despregamento de redes de comunicacións electrónicas nos proxectos de obras relativos a áreas empresariais promovidos polas administracións públicas de Galicia facilitará moi significativamente o aproveitamento e despregamento de redes e servizos dixitais avanzados, de forma rápida e eficiente.

    Así mesmo, cúmprese coa determinación 4.6.3 das Directrices de Ordenación do Territorio que establecen que en toda planificación de obras de urbanización preveranse os espazos e sistemas necesarios que faciliten a implantación posterior de redes de telecomunicacións.

  • Obxectivos:

    Establecer o marco normativo relativo á previsión da instalación de infraestruturas de soporte específicas para o despregamento das redes de comunicacións electrónicas e de espazos de reserva habilitados exclusivamente para a colocación de equipamento de telecomunicacións e localizacións de radiocomunicacións nas áreas empresariais que sexan promovidas polas administracións públicas de Galicia.

  • Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:

    O presente decreto desenvolve o artigo 10 da Lei 3/2013 "Os proxectos de obra pública promovidos polas administracións públicas de Galicia no ámbito das súas respectivas competencias deberán prever, na forma que regulamentariamente se determine, a instalación de canalizacións relativas aos servizos de comunicacións electrónicas, así como a reserva de espazos adecuados para equipamentos de telecomunicacións e para localizacións de radiocomunicacións."

    Dado que o dito artigo xa prevé que deberá determinarse regulamentariamente as infraestruturas a instalar non cabe alternativa á elaboración dun regulamento como o que se pretende.

  • Rango da norma:

    Decreto