Orde da Consellería do Medio Rural pola que se modifican os anexos II, III e V do Decreto 50/2014, do 10 de abril, polo que se regulan os aproveitamentos madeireiros e leñosos, de cortiza, de pastos e micolóxicos en montes ou terreos forestais de xestión privada na Comunidade Autónoma de Galicia e o contido, organización e funcionamento do Rexistro de Empresas do Sector Forestal

Órgano ou entidade impulsora: Dirección Xeral de Ordenación Forestal

Departamento: Consellería do Medio Rural

Estado actual: Consulta pechada

Prazo no que estivo aberta a consulta: 22/05/2017 - 09/06/2017

Información sobre a norma :

  • Antecedentes:

    A disposición derradeira primeira do Decreto 50/2014, do 10 de abril, polo que se regulan os aproveitamentos madeireiros e leñosos, de cortiza, de pastos e micolóxicos en montes ou terreos forestais de xestión privada na Comunidade Autónoma de Galicia e o contido, organización e funcionamento do Rexistro de Empresas do Sector Forestal, faculta á persoa titular da consellería competente en materia de montes para a modificación dos seus anexos, sempre que a dita modificación estea fundamentada en calquera dos principios xerais incluídos no artigo 3 do dito decreto e na Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

    O Real Decreto 1088/2015, do 4 de decembro, para asegurar a legalidade da comercialización de madeira e produtos da madeira, clasifica no seu anexo II como axentes aos propietarios forestais, privados ou públicos, que comercializan produtos de madeira aproveitados no seu propio monte ou superficie forestal (venda en cargadoiro). Deste xeito, para unha aplicación correcta do Real Decreto, cómpre que naqueles procedementos para a realización de aproveitamentos madeireiros en montes ou terreos forestais de xestión privada nos que figuran os datos da persoa compradora (nomeadamente, o MR602A, o MR603A e o MR604B) se especifiquen os casos nos que se leva a cabo unha venda en cargadoiro. Isto esixe a modificación dos anexos II, III e V do Decreto 50/2014.

    Ademais, para asegurar un cumprimento axeitado do Real Decreto 876/2014, de 10 de outubro, polo que se aproba o Regulamento Xeral de Costas, considérase conveniente que nos anexos III e V do Decreto 50/2014 se especifique se as parcelas están situadas na zona de servidume de protección do dominio público marítimo- terrestre.

  • Problemas que se pretenden solucionar:

    As solicitudes para realizar aproveitamentos madeireiros e leñosos en montes de xestión privada deben conter información suficiente que permita identificar ás persoas que teñan a condición legal de axente, así como as parcelas que se atopen na zona de servidume do dominio público marítimo-terrestre.

     

  • Necesidade e oportunidade da súa aprobación:

    A necesidade vén determinada polo deber de aplicar o Real Decreto 1088/2015, así como pola futura entrada en vigor do decreto que regula as competencias autonómicas na zona de servidume do dominio público marítimo-terrestre.

  • Obxectivos:

    Completar a información que se debe subministrar nas solicitudes para realizar aproveitamentos madeireiros e leñosos en montes de xestión privada.

  • Rango da norma:

    Orde

Achegas e opinións recibidas: 1