Orde pola que se establece a ordenación da "Ruta dos xardíns da camelia" e se crea o Comité Camelia Galicia

Órgano ou entidade impulsora: Axencia Turismo de Galicia

Departamento: A Presidencia da Xunta - Axencia de Turismo de Galicia

Estado actual: Consulta pechada

Prazo no que estivo aberta a consulta: 24/04/2018 - 08/05/2018

Información sobre a norma :

Antecedentes:

Galicia posúe unha serie de recursos e produtos turísticos únicos que xogan un rol importante na súa imaxe turística, entre os que se atopa a “Ruta dos Xardíns da Camelia”.

O caso da “Ruta dos Xardíns da Camelia” é especialmente relevante xa que se trata da única ruta turística existente en Europa que permite percorrer unha serie de xardíns públicos e privados cuxa característica principal é a de posuír a meirande colección e variedades de camelias de Europa.

A “Ruta dos Xardíns da Camelia” é un produto turístico consistente nun percorrido que comeza no sur da provincia da Coruña e transcorre pola provincia de Pontevedra, rematando na cidade de Vigo. A devandita ruta está construída en torno á visita de 5 xardíns de carácter privado (Pazo de Oca, Pazo de Santa Cruz de Rivadulla, Pazo de Rubiáns, Pazo da Saleta e Pazo Quinteiro da Cruz) e 7 de carácter público (Pazo de Mariñán, Alameda de Santiago de Compostela, Casa de Rosalía de Castro, Castelo de Soutomaior, Parque de Quiñones de León, Parque do Castro e Pazo de Lourizán).

Este produto permite gozar dunha experiencia turística de natureza única, que combina a contemplación da beleza dunha serie de xardíns onde florece, principalmente, a flor da camelia e, paralelamente, o coñecemento doutros recursos turísticos identitarios de Galicia como é o seu patrimonio arquitectónico/cultural (pazos, mosteiros...) e a súa oferta enogastronómica. Así mesmo, e grazas á longa tradición de coleccionismo de camelia en Galicia, durante os meses de floración (decembro-abril), organízanse en Galicia mais de 20 exposicións que permiten descubrir as miles de variedades desta flor existentes na nosa comunidade, polo que os meses de inverno convértense no momento perfecto para percorrer a Ruta dos Xardíns da Camelia. Este feito converte a “Ruta dos Xardíns da Camelia” nun dos poucos produtos turísticos capaces de desestacionalizar a demanda.

Problemas que se pretenden solucionar:

A Axencia Turismo de Galicia ten como finalidade  principal o posicionamento de Galicia como destino turístico nos seus principais mercados, tanto a nivel nacional como internacional. Neste marco de actuación, unha das tarefas necesarias para acadar o dito posicionamento é a creación de novos produtos e a adecuación de recursos turísticos que contribúan a enriquecer as experiencias turísticas que o visitante pode experimentar durante a súa estadía en Galicia.
Por outra banda, Turismo de Galicia está a traballar en actuacións dirixidas a desestacionalizar a demanda turística de Galicia, moi concentrada nos meses de verán.

É por estas razóns que Turismo de Galicia leva máis de dez anos promocionando o novo produto turístico “Ruta dos Xardíns da Camelia”. O éxito do recurso fai necesario dotar á Ruta dos Xardíns da Camelia de regulación.

Necesidade e oportunidade da súa aprobación:

Axencia Turismo de Galicia é consciente de que a “Ruta dos Xardíns da Camelia” constitúe un dos recursos e produtos turísticos únicos de Galicia que xogan un rol moi importante na súa imaxe turística, polo que quere proceder a dotar á mesma dunha regulación xurídica, non só a fin de darlle a debida protección xurídica, senón tamén para establecer unhas bases e condicións mínimas para formar parte da Ruta, dado os niveis de calidade que o público visitante esixe neste tipo de experiencia turística.

Obxectivos:

Esta orde ten por obxecto regular a Ruta dos Xardíns da Camelia así como a creación do Comité da camelia, como organismo regulador.

A Ruta dos Xardíns da Camelia é unha experiencia turística exclusiva de Galicia é un recurso de interese turístico de Galicia, construído en torno a xardíns públicos e privados ben establecidos con estrutura de xestión permanente, que permite o coñecemento e goce das maiores coleccións de camelia do mundo, nunha contorna privilexiada e acompañada dun patrimonio histórico artístico e natural de enorme beleza.

Tamén poderán formar parte da Ruta dos Xardíns da Camelia determinados recursos turísticos asociados á dita ruta sempre que cumpran os requisitos establecidos na orde.

Créase por esta orde o Comité Camelia Galicia co obxecto de velar polo desenvolvemento harmónico do recurso turístico da Ruta dos Xardíns da Camelia e como instrumento de apoio e comunicación da Ruta dos Xardíns da Camelia.

Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:

Nos últimos anos, o mercado turístico mundial está experimentando un cambio notable en todas as variables que inciden no mesmo, desde os modos e hábitos de consumo ata a tipoloxía de produtos e servizos turísticos que se demandan.

En consecuencia, a oferta turística de Galicia estase vendo tamén afectada por estes feitos, o que obriga tanto as institucións como ao sector privado empresarial da Comunidade Autónoma de Galicia a establecer novas regras de actuación que permitan adaptar o destino ás exixencias do mercado.

Paralelamente, outro factor que está afectando con forza o panorama turístico actual é a crecente necesidade dos destinos de lograr un posicionamento da súa oferta turística que lles permita diferenciarse dos seus destinos competidores e, ao mesmo tempo, lograr unha identificación precisa na mente do consumidor.

Por este motivo as estratexias de comunicación dos organismos e institucións públicas dedicadas a promocionar os seus destinos turísticos están a evolucionar, de tal xeito que se quere proporcionar unha regulación xurídica suficiente e adecuada a este recurso de enorme interese turístico para Galicia.

Rango da norma:

Orde