Decreto polo que se crea o selo de recoñecemento do nivel de uso da lingua galega para entidades do ámbito socioeconómico de Galicia

Órgano ou entidade impulsora: Secretaría Xeral da Lingua

Departamento: Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude - Secretaría Xeral da Lingua

Estado actual: Consulta aberta

Prazo para remitir achegas/opinións: 13/10/2026 - 30/10/2026

Forma de remitir achegas/opinións: poderán ser presentadas cantas achegas/opinións se estimen convenientes por vía electrónica a través do formulario habilitado nesta mesma páxina.

Información sobre a norma :

  • Antecedentes:

    A Constitución Española (art. 3) recoñece o galego como lingua oficial na Comunidade Autónoma de Galicia xunto co castelán, e o Estatuto de Autonomía para Galicia institúe o galego como a lingua propia de Galicia e encomenda aos poderes públicos galegos a obriga de garantir o uso normal e oficial de ambos os idiomas e promover o galego en todos os ámbitos públicos.

    Esta norma ten como antecedentes a Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, que no seu artigo 25 establece que o Goberno Galego fomentará a normalización do uso do galego nas actividades mercantís,e máis tarde, en 2004, o Plan xeral de normalización da lingua galega (PXNLG),que recollía como unha das medidas dirixidas ao ámbito socioeconómico a creación dun distintivo oficial, e actualmente o novo Plan xeral de normalización da lingua galega que establece como un dos seus obxectivos o de distinguir e recoñecer publicamente as empresas comprometidas coa lingua, e de deseñar un selo oficial ou certificación de "Empresa Comprometida coa Lingua Galega".

  • Problemas que se pretenden solucionar:

    A normalización lingüística continúa sendo unha materia pendente en ámbitos industriais, comerciais e empresariais, a utilización do galego nas grandes empresas e multinacionais con sede en Galicia é residual, tamén no conxunto do sector servizos aínda predominan dinámicas pouco favorables ao galego ou mesmo o sector tercnolóxico segue presentando grandes carencias.

    Este novo decreto impúlsase co fin de fomentar, impulsar e visibilizar o uso da lingua galega no ámbito socioeconómico, así como promover unha cultura empresarial comprometida cos dereitos lingüísticos e ofrecerlles ás entidades recoñecidas un selo distintivo como un instrumento de prestixio.

  • Necesidade e oportunidade da súa aprobación:

    Esta norma representa un mecanismo axeitado para fomentar, impulsar e visibilizar o uso da lingua galega no ámbito socioeconómico e fomentar a normalización do uso do galego.

    Este selo distintivo da Xunta de Galicia recoñece a aquelas persoas físicas, empresas ou entidades, no ámbito territorial de Galicia que destaquen no ámbito da súa responsabilidade social empresarial, pola utilización da lingua galega.

    A finalidade da implantación deste selo é polo tanto pór en marcha un selo oficial ou certificación de "Empresa Comprometida coa Lingua Galega" que recoñeza as empresas que impulsen o uso do galego na súa actividade, con criterios transparentes e proporcionados.

  • Obxectivos:

    A finalidade da norma é impulsar, fomentar e visibilizar o emprego da lingua galega nas entidades do ámbito socioeconómico, para avanzar na incorporación e extensión do seu uso, así como ofrecer un proceso de avaliación adaptado, e proporcionar asesoramento no proceso de incremento ou afianzamento do uso da lingua galega.

    As entidades que obteñan este selo poderán facer uso del nas súas comunicacións, publicidade e imaxe corporativa e beneficiarse da súa consideración como elemento de valoración preferente, criterio de desempate ou mérito específico nos procedementos administrativos nos que así se estableza.

  • Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:

    Non existen.

  • Rango da norma:

    Decreto

Formulario de participación

Cubra este formulario e a súa achega/opinión será atendida polo departamento que elaborou esta consulta previa. Lembre que os campos sinalados con asterisco (*) son obrigatorios

Datos persoais
Achegas/opinións

Se fose necesario anexar algún documento, este deberá axustarse aos seguintes formatos: .bmp, .ce3, .cex, .csv, .cte, .dbf, .doc, .docx, .dwg, .dxfn, .inp, .jpg, .ods, .odt, .pd2, .pdf, .pdl, .png, .prj, .shp, .shx, .tiff, .txt, .xls, .xlsx, .xml. En calquera caso non se deberá superar o límite de tamaño establecido de 5 MB.