-
Antecedentes:
A Constitución española establece no seu artigo 43 o dereito á protección da saúde e atribúe aos poderes públicos a obriga de organizar e tutelar a saúde pública a través de medidas preventivas e das prestacións e servizos necesarios, así como o fomento da educación sanitaria. No desenvolvemento deste mandato constitucional, a Lei 14/1986, do 25 de abril, Xeral de Sanidade, estableceu o marco básico do sistema sanitario español, e a Lei 16/2003, do 28 de maio, de cohesión e calidade do Sistema Nacional de Saúde, definiu as actuacións de saúde pública incluídas no catálogo de prestacións, como o conxunto de iniciativas organizadas pola sociedade para preservar, protexer e promover a saúde da poboación.
A Lei 33/2011, do 4 de outubro, Xeral de Saúde Pública constitúe o marco estatal de referencia, definindo a saúde pública como o conxunto de actividades organizadas polas administracións públicas, coa participación da sociedade, para previr a enfermidade, así como para protexer, promover e recuperar a saúde das persoas, tanto no ámbito individual como no colectivo e mediante accións sanitarias, sectoriais e transversais. Así mesmo, a Lei estatal 17/2011, do 5 de xullo, de seguridade alimentaria e nutrición, establece as normas en materia de seguridade alimentaria como aspecto fundamental da saúde pública.
O marco legal básico en Galicia vén definido pola Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia. No seu preámbulo, esta lei xa se configuraba como un marco estrutural para a futura articulación dun verdadeiro código sanitario galego, mencionando expresamente a necesidade de integrar nel unha futura lei de saúde pública de Galicia. Así mesmo, o Título VII da citada lei dispón a creación dunha estrutura organizativa especializada para a provisión de servizos de saúde pública, cuxo desenvolvemento se remitía a esta nova norma específica. As recentes modificacións introducidas pola Lei 8/2021 para facer fronte a crises sanitarias reforzaron a necesidade de contar cun marco regulatorio máis completo e actualizado.
-
Problemas que se pretenden solucionar:
O marco normativo vixente en materia de saúde pública en Galicia require a incorporación de forma estrutural do paradigma da "saúde en todas as políticas" e establecer un marco específico e actualizado para as funcións de vixilancia en saúde pública, protección da saúde, promoción de estilos de vida saudables, medición do impacto en saúde e xestión de emerxencias sanitarias. A Lei 8/2008 constituíu no seu momento un avance normativo de especial relevancia e a súa aprobación respondeu de maneira eficaz ás necesidades existentes naquela etapa. Non obstante, desde a súa entrada en vigor producíronse profundas transformacións sociais, demográficas, tecnolóxicas, ambientais e epidemiolóxicas que modificaron de maneira substancial o contexto no que deben desenvolverse as políticas de saúde pública. A emerxencia de novos riscos sanitarios e ambientais como o impacto do cambio climático, os retos actuais da globalización, a dixitalización, a transición demográfica e a crecente importancia da promoción e prevención fan necesario actualizar o marco normativo e adaptar un enfoque integral baseado nos determinantes da saúde.
Galicia presenta ademais retos específicos como o envellecemento da poboación ou a dispersión xeográfica, o que require unha abordaxe integral e sostida desde o punto de vista da saúde pública contando con instrumentos normativos específicos.
Obsérvase, por último, unha área de mellora na coordinación intersectorial e participación cidadá na definición das políticas de saúde pública, o que optimizará a capacidade de actuar de maneira integral sobre os determinantes sociais, económicos e ambientais da saúde.
-
Necesidade e oportunidade da súa aprobación:
A aprobación dunha Lei de Saúde Pública de Galicia responde a unha necesidade obxectiva, técnica e política. A Lei 33/2011 Xeral de Saúde Pública establece o marco básico estatal, mais as comunidades autónomas deben desenvolver lexislación propia que adapte eses principios ás súas singularidades territoriais e poboacionais dotando o sistema de instrumentos xurídicos axeitados. O momento actual é especialmente propicio pola crecente evidencia sobre a influencia dos determinantes sociais e ambientais na saúde, así como pola necesidade de reforzar políticas preventivas máis eficientes e sostibles. A experiencia recente da pandemia incrementou a conciencia social e institucional sobre a necesidade de reforzar a saúde pública como piar estratéxico do benestar colectivo; a Organización Mundial da Saúde e a Unión Europea instan aos Estados membros a modernizar as súas capacidades de vixilancia, prevención e resposta.
A elaboración dunha lei autonómica de saúde pública resulta estratexicamente oportuna para dotar a Galicia dun marco xurídico estable e un modelo de gobernanza pública que permita abordar o enfoque One Health (unha soa saúde) para a integración efectiva da saúde humana, a sanidade animal e o medio ambiente. Do mesmo xeito, a consolidación do principio de Saúde en todas as políticas esixe a súa institucionalización normativa para garantir que a protección da saúde sexa un obxectivo transversal e vinculante en todas as políticas públicas. A súa regulación permitirá reducir desigualdades en saúde, mellorar a prevención primaria a nivel estrutural e aumentar a eficiencia global das políticas públicas ao actuar sobre os determinantes sociais e ambientais da saúde.
A iniciativa conta con respaldo no programa lexislativo do Goberno galego e forma parte dun proceso de planificación técnica que xa incorporou a participación das subdireccións con competencias en saúde pública, garantindo a viabilidade e coherencia da futura norma. A sociedade galega é consciente de reforzar a saúde pública, o que xera un clima social favorable para afrontar esta reforma normativa.
-
Obxectivos:
A futura Lei de Saúde Pública de Galicia persegue establecer un marco xurídico, moderno e coherente que ordene as actuacións en materia de saúde pública na comunidade autónoma; así, esta norma incorporará o enfoque de "saúde en todas as políticas", asegurando que as actuacións públicas de calquera sector teñan en conta o seu impacto na saúde da poboación, e adoptará o enfoque "One Health – Unha soa saúde", integrando a saúde humana, animal e ambiental.
A lei reforzará as capacidades de vixilancia epidemiolóxica, alerta temperá e resposta ante riscos e emerxencias sanitarias, dotando o sistema de estruturas áxiles e resilientes con autonomía técnica e operativa. Regularase de forma específica a promoción de estilos de vida saudables —incluíndo alimentación, sono, actividade física, benestar emocional e prevención de condutas aditivas—, a protección da saúde fronte a riscos ambientais e alimentarios, a inspección de saúde pública e o control oficial, a detección precoz de enfermidades, e a creación de contornas saudables en centros educativos, laborais e comunitarios, incorporando o potencial das novas tecnoloxías e da análise avanzada de datos.
A norma modernizará a gobernanza da saúde pública en Galicia mediante o fortalecemento da transparencia, a participación cidadá e comunitaria, a investigación e innovación, e a avaliación continua das políticas e programas. Garantirase a equidade territorial e a coordinación cos concellos, co Sistema Nacional de Saúde e cos organismos nacionais competentes, con especial atención á redución das desigualdades en saúde entre distintos grupos sociais e territorios.
-
Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:
Foron consideradas distintas opcións non regulatorias antes de concluír na necesidade dunha lei específica, como reorganizacións administrativas internas, elaboración de guías metodolóxicas ou desenvolvemento de plans conxuntos. Pero resultan insuficientes ante a necesidade de incorporar novos mandatos en materia de promoción da saúde, vixilancia epidemiolóxica e xestión de emerxencias sanitarias, así como de garantir a coordinación intersectorial obrigatoria.
Entre as alternativas regulatorias, podería valorarse unha reforma parcial da Lei 8/2008 para incorporar novos elementos en materia de saúde pública, aproveitando a solidez e relevancia do marco normativo existente. Non obstante, a evolución experimentada neste ámbito aconsella avanzar cara a un instrumento específico que permita dotar a saúde pública dunha identidade propia e dunha regulación máis completa que facilite unha ordenación integral das funcións, competencias, instrumentos de gobernanza e estruturas necesarias, achegando maior estabilidade, claridade organizativa e capacidade de resposta ás necesidades e retos presentes e futuros, en consonancia coas mellores prácticas nacionais e internacionais e coas esixencias da lexislación básica estatal.
Á vista de todo o anterior e no marco deste novo escenario, considérase oportuno avanzar cara a unha Lei de Saúde Pública de Galicia que complemente e desenvolva os avances acadados coa Lei 8/2008, reforzando de forma equilibrada as actuacións orientadas á promoción da saúde, á prevención da enfermidade e á protección fronte aos riscos ambientais e alimentarios. En definitiva, trátase de impulsar a evolución natural dunha norma de carácter xeral e asistencial cara a outra de natureza específica e salubrista, asentada nunha base sólida que permita seguir mellorando a saúde e o benestar da poboación galega.
-
Rango da norma:
Lei