-
Antecedentes:
A Comunidade Autónoma de Galicia aprobou en 2024 a Lei 3/2024, do 5 de decembro, de cultura inclusiva e accesible de Galicia, no marco da súa competencia exclusiva en materia de cultura, ao abeiro do artigo 27.19 do Estatuto de autonomía de Galicia.
Esta lei nace co obxectivo de promover as condicións para que a participación na vida cultural sexa efectiva, inclusiva e accesible para todas as persoas, en particular para aquelas que teñen especiais dificultades de acceso. Enténdese por participación tanto a referida á creación como ao gozo de todo tipo de manifestacións culturais.
As manifestacións culturais ás que se refire a Lei 3/2024 son as recollidas no artigo 3, entre as cales atopamos, logo da modificación levada a cabo pola Lei 5/2025, do 23 de setembro, de medidas fiscais e administrativas, os itinerarios culturais de interese autonómico.
Estes itinerarios concíbense como percorridos exentos da protección patrimonial propia das vías reguladas pola Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (os Camiños de Santiago) e, en consecuencia, de diferente natureza e alcance. Os itinerarios culturais de interese autonómico son elementos de conexión de manifestacións culturais e naturais diversas que promoven e difunden a identidade cultural dun pobo e dun territorio.
-
Problemas que se pretenden solucionar:
Este decreto ten por obxectivo regular un procedemento que permita recoñecer oficialmente aqueles percorridos culturais que discorren polo territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e que, sen ter o recoñecemento nin a protección das vías reguladas pola Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (concretamente os Camiños de Santiago), teñen, non obstante, un evidente interese cultural. Xa que logo, precisan de recoñecemento, protección e difusión.
Unha vez recoñecidos, a Administración autonómica de Galicia contribuirá á súa promoción e difusión, dentro e fóra de Galicia.
-
Necesidade e oportunidade da súa aprobación:
Trátase dunha norma necesaria para encher un baleiro normativo na nosa comunidade autónoma, na medida en que existe un clamor social para que determinados percorridos de índole cultural sexan recoñecidos oficialmente. Trátase de percorridos que quedan fóra do recoñecemento propio da Lei 5/2016, do 4 de maio, porén, están afianzados na tradición cultural galega.
Resulta ademais oportuna a súa regulación nun momento no que a Xunta de Galicia está impulsando políticas culturais inclusivas. O territorio é un potencial factor de exclusión cultural. O recoñecemento oficial de percorridos consolidados de facto na tradición cultural galega, a través dos cales se dá conta de manifestacións culturais que conforman a identidade do territorio e son elementos de cohesión social, será sen dúbida un novo pulo para achegar a cultura a todas as persoas, especialmente nos territorios en risco de exclusión cultural.
-
Obxectivos:
- Satisfacer unha demanda social no ámbito cultural galego.
- Contribuír ao desenvolvemento territorial sostible a través da cultura.
- Promover a cultura en territorios con especial risco de exclusión cultural.
-
Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:
Nestes momentos non existen.
-
Rango da norma:
Decreto