Decreto polo que regulan as actividades das entidades de certificación de conformidade municipal no ámbito urbanístico

Órgano ou entidade impulsora: Subdirección Xeral de Réxime Xurídico-Administrativo - Secretaría Xeral Técnica

Departamento: Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda - Secretaría Xeral Técnica

Estado actual: Consulta aberta

Prazo para remitir achegas/opinións: 15/03/2024 - 15/05/2024

Forma de remitir achegas/opinións: poderán ser presentadas cantas achegas/opinións se estimen convenientes por vía electrónica a través do formulario habilitado nesta mesma páxina.

Información sobre a norma :

  • Antecedentes:

    O sistema de colaboración público-privada no desempeño de funcións públicas iniciouse hai máis de 50 anos nos ámbitos da seguridade e a calidade industrial e desenvolveuse posteriormente estendéndose a outros sectores como o control ambiental ou o urbanismo.

    Na actualidade hai moitos supostos de colaboración entre as Administracións e determinadas entidades que teñen un alto grao de especialización técnica, para poder simplificar os procedementos administrativos e optimizar o uso dos recursos públicos, sen menoscabo da seguridade xurídica.

    Así sucede no ámbito ambiental, no ámbito da seguridade e a calidade industrial, así como no ámbito do exercicio de actividades económicas, empresariais, profesionais, industriais ou comerciais. Neste último caso, e dende a Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia, e o Regulamento único de regulación integrada de actividades económicas e apertura de establecementos, aprobado polo Decreto 144/2016, do 22 de setembro, actúan en Galicia as chamadas “entidades de certificación de conformidade municipal” (ECCOM), que poden certificar a conformidade coa normativa aplicable no ámbito municipal das instalacións, establecementos, actividades e obras destinadas a unha actividade económica que vaian ser obxecto de comunicación previa ou de solicitude de licenza ante os Concellos, así como controlar a posteriori que funcionan adecuadamente.

    • Un paso máis na colaboración entre Administración e entidades especializadas e acreditadas foi a regulación no ámbito urbanístico da posibilidade de que entidades cunha alta especialización técnica poidan colaborar cos Concellos para facilitar que se outorguen as licenzas urbanísticas o máis axiña posible e que as comunicacións previas urbanísticas poidan producir efectos inmediatos logo da súa presentación. Con este fin, o Parlamento de Galicia aprobou dúas leis especificas que regulan a participación das ECCOM no ámbito do urbanismo con todas as cautelas xurídicas:
      • Primeiro, a Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, regulou a colaboración para obter as licenzas para desenvolver solo empresarial.
      • Despois, modificouse a Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, a través da Lei 7/2022, do 27 de decembro, para estender a intervención das ECCOM a todas as licenzas e comunicacións que teñan por obxecto actos de edificación ou de uso do solo ou do subsolo.
    • Na nova regulación urbanística:
      • Os particulares poden presentar nos concellos, xunto coa solicitude de licenza urbanística ou a comunicación previa, unha certificación dunha ECCOM que acredite que o proxecto que se presenta é conforme coa normativa urbanística e co planeamento.
      • No caso das solicitudes de licenza, o Concello está habilitado para outorgar a licenza asumindo a certificación no prazo dun mes, sen que sexa necesario solicitar os informes dos técnicos e xurídicos municipais sobre a conformidade á legalidade urbanística.
      • No caso das comunicacións para obras menores ou a primeira ocupación de edificios, a súa presentación coa certificación da ECCOM permite realizar de maneira inmediata o acto de uso do solo ou do subsolo, sen necesidade de agardar os quince días hábiles que se prevén con carácter ordinario.
      • Dáse seguridade aos Concellos e aos particulares, dado que serán as entidades de colaboración as únicas responsables fronte ao Concello do contido das súas certificacións.
    • A Lei do solo de Galicia remite á Lei do emprendemento e da competitividade económica de Galicia no tocante aos requisitos técnicos, de persoal de independencia e de acreditación das entidades de colaboración urbanística. É, por tanto, unha esixencia legal que estas entidades cumpran tales requisitos e que obteñan unha acreditación específica por parte da Entidade Nacional de Acreditación (ENAC).
    • Cómpre clarificar que as entidades de colaboración non conceden licenzas e que son os Concellos os que as conceden. Estas entidades teñen como fin garantir técnica e administrativamente que os proxectos respectan a normativa de aplicación e o planeamento urbanístico.
  • Problemas que se pretenden solucionar:

    En relación aos problemas que pretende solucionar esta regulación trátase de axilizar, sen menoscabo da seguridade xurídica, o funcionamento no ámbito urbanístico das actuacións das entidades de certificación de conformidade municipal para así lograr unha mellora na xestión dos recursos públicos e sobre todo axilidade e inmediatez das respostas administrativas en materia de licenzas e comunicacións relativas aos actos de edificación ou de uso do chan ou do subsolo.

  • Necesidade e oportunidade da súa aprobación:

    A regulación do funcionamento das entidades de certificación de conformidade municipal no ámbito urbanístico é necesaria en tanto que a Lei 7/2022, do 27 de decembro modificou a Lei do Solo de Galicia incorporando o artigo 146 bis, sobre solicitudes de licenza e comunicacións presentadas con certificación de conformidade, e contempla a actuación destas entidades respecto dos actos de edificación ou de uso do chan ou do subsolo, incluído o residencial. Unha vez aprobada a modificación da Lei do solo de Galicia que permite que os particulares poidan solicitar aos Concellos licenzas urbanísticas (ou comunicar obras menores ou a primeira ocupación dun edificio) coa colaboración de entidades especializadas e acreditadas, resulta necesario desenvolver a regulación legal e avanzar cara a dar seguridade xurídica aos Concellos e aos particulares.

  • Obxectivos:

    Establecer a regulación do funcionamento das entidades de certificación de conformidade municipal no ámbito urbanístico para concretar así as especificidades técnico-xurídicas propias do ámbito da intervención na edificación e uso do solo. Coa tramitación que agora se inicia preténdese dar esa seguridade xurídica:

    • Regulando de modo uniforme como deben as entidades colaboradoras expedir as certificacións de conformidade coa normativa urbanística e co planeamento para que sexan útiles aos Concellos, establecendo os modelos adecuados en función de cada tipo de actuación.
    • Regulando a documentación urbanística que deben revisar as entidades colaboradoras. Hai que ter en conta que actualmente non sempre hai unha uniformidade nos aspectos que revisa cada Concello para conceder licenzas urbanísticas e para tramitar as comunicacións previas urbanísticas, polo que tamén é un aspecto esencial.
    • Regulando un mecanismo de conformidade dos Concellos coas entidades colaboradoras, mediante o cal aqueles se comprometan a non requirir ordinariamente informes técnicos e xurídicos adicionais ás certificacións das ECCOM. Posibilitarase así que as persoas promotoras e a cidadanía en xeral coñezan os concellos nos que a actuación a través dunha ECCOM simplifica a tramitación administrativa das solicitudes da licenzas urbanísticas e das comunicacións previas neste ámbito.
  • Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:

    Coas previsións da Lei do solo de Galicia é precisa unha norma regulamentaria para regular a figura das entidades de certificación de conformidade municipal no ámbito urbanístico.

  • Rango da norma:

    Decreto

Formulario de participación

Cubra este formulario e a súa achega/opinión será atendida polo departamento que elaborou esta consulta previa. Lembre que os campos sinalados con asterisco (*) son obrigatorios

Datos persoais
Achegas/opinións

Se fose necesario anexar algún documento, este deberá axustarse aos seguintes formatos: .bmp, .ce3, .cex, .csv, .cte, .dbf, .doc, .docx, .dwg, .dxfn, .inp, .jpg, .ods, .odt, .pd2, .pdf, .pdl, .png, .prj, .shp, .shx, .tiff, .txt, .xls, .xlsx, .xml. En calquera caso non se deberá superar o límite de tamaño establecido de 5 MB.