Decreto polo que se regula a ordenación e a organización da formación profesional de Galicia

Órgano ou entidade impulsora: Dirección Xeral de Formación Profesional

Departamento: Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades - Dirección Xeral de Formación Profesional

Estado actual: Consulta pechada

Prazo no que estivo aberta a consulta: 16/01/2024 - 30/01/2024

Información sobre a norma :

  • Antecedentes:

    O Real decreto 659/2023, do 18 de xullo, polo que se desenvolve a Lei orgánica 3/2022, do 31 de marzo, de ordenación e integración da formación profesional, modifica o modelo existente e establece os aspectos básicos do novo Sistema de formación profesional, que pretende mellorar a calidade e a relevancia da formación profesional, así como a súa adaptación ás necesidades do mercado laboral e aos avances tecnolóxicos.

    Coa publicación do Real decreto 278/2023, do 11 de abril, polo que se establece o calendario de implantación do novo sistema de formación profesional, fíxase que no curso 2024-2025 se completará a implantación do primeiro curso de todos os ciclos formativos.

    Estas circunstancias fan necesaria, e sen demoras, unha nova regulación normativa da nosa ordenación da formación profesional e a concreción dos aspectos recolleitos no Real decreto 659/2023.

  • Problemas que se pretenden solucionar:

    Dar resposta dunha maneira áxil e adecuada á necesidade de desenvolvemento autonómico desta normativa estatal: Lei orgánica 3/2022, do 31 de marzo, de ordenación e integración da formación profesional, e o Real decreto 659/2023, do 18 de xullo, polo que se desenvolve a ordenación do Sistema de formación profesional, e que supoñen a transformación global do Sistema de formación profesional.

  • Necesidade e oportunidade da súa aprobación:

    A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades valorou a necesidade e a oportunidade deste decreto, para se adecuar ao obxectivo de desenvolver a normativa básica recollida na Lei orgánica 3/2022, do 31 de marzo, de ordenación e integración da formación profesional, e o Real decreto 659/2023, do 18 de xullo, polo que se desenvolve a ordenación do Sistema de formación profesional, acometendo unha nova regulación onde se consolide a formación profesional en Galicia.

  • Obxectivos:

    Son obxectivos do proxecto de decreto:

    • Adecuar a normativa regulamentaria aos cambios implantados tras a entrada en vigor da Lei orgánica 3/2022 e o Real decreto 659/2023, como é a regulación da nova oferta de formación profesional.
    • Establecer a estrutura, a organización e a regulación xeral da formación profesional na Comunidade Autónoma de Galicia, adaptándoa ás necesidades e ás demandas do mercado laboral.
  • Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:

    Non é posible conseguir os obxectivos indicados con solucións alternativas reguladoras e non reguladoras.

  • Rango da norma:

    Decreto

Achegas e opinións recibidas: 54