Lei de planificación, organización e impulso da intelixencia artificial en Galicia

Órgano ou entidade impulsora: Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

Departamento: Consellería de Facenda e Administración Pública - Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

Estado actual: Consulta aberta

Prazo para remitir achegas/opinións: 15/09/2023 - 15/10/2023

Forma de remitir achegas/opinións: poderán ser presentadas cantas achegas/opinións se estimen convenientes por vía electrónica a través do formulario habilitado nesta mesma páxina.

Información sobre a norma :

Antecedentes:

Galicia ten sido pioneira na regulación dos novos modelos de actuación e de emprego das tecnoloxías no sector público. Así, poden considerarse como precursoras da presente normativa: a Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; a Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico; a Lei 1/2015, do 1 de abril, de garantía da calidade dos servizos públicos e da boa administración; a Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, e a Lei 7/2022, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas. 

Con este proxecto de lei, a nosa Comunidade busca manterse na vangarda da regulación das tecnoloxías disruptivas, normando a intelixencia artificial (en adiante, IA), tendo en conta o marco europeo que se está a configurar mediante a elaboración da Lei de Intelixencia Artificial, e aliñándose, así mesmo, coa Estratexia España Dixital 2026.

Problemas que se pretenden solucionar:

A elaboración da Estratexia Galega de Intelixencia Artificial 2030 (en adiante, EGIA2030) partiu dunha profunda análise do ecosistema de IA existente na nosa Comunidade, de cara a poder identificar os aspectos nos que era preciso seguir traballando. Esta Lei para o Desenvolvemento e Impulso da Intelixencia Artificial en Galicia pretende contribuír a lograr significativos avances neste sentido.

Para iso, a nova norma pretende introducir medidas destinadas a:

  • Fixar os principios éticos reitores do deseño, adquisición, implementación e uso de sistemas de IA na Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia (en adiante, SPAG).
  • Recoñecer á cidadanía, con carácter vinculante, unha serie de dereitos, en relación cos sistemas de IA empregados pola Administración xeral e do SPAG.
  • Establecer un marco legal uniforme para o deseño, adquisición, implementación e uso de sistemas de IA na Administración xeral e do SPAG, en liña cos valores e o marco normativo establecido polas institucións europeas.
  • Regular os procedementos de deseño e adquisición de sistemas de IA pola Administración xeral e do SPAG.
  • Fomentar a colaboración público-privada e potenciar as oportunidades existentes a nivel autonómico, estatal e internacional.
  • Aumentar a capacidade para atraer e reter talento e persoal cualificado a Galicia.
  • Implementar sistemas de formación e capacitación en materia de IA en Galicia.

Necesidade e oportunidade da súa aprobación:

A idea de formular unha Lei para o Desenvolvemento e Impulso da Intelixencia Artificial en Galicia nace nun contexto de crecente relevancia do uso da IA nos escenarios, públicos e privados, europeo, estatal e autonómico.

A proposta que se somete a consulta obedece, en primeiro lugar, ao compromiso para a Lexislatura 2020-2024, de aprobar a normativa necesaria para facilitar a incorporación de tecnoloxías dixitais de alto impacto, tanto no sector público como nos diferentes sectores económicos, a través de mecanismos que favorezan a atracción de investimentos e talento dixital, garantindo que a introdución de tecnoloxías disruptivas se leve a cabo baixo criterios éticos e de seguridade. 

Así mesmo, responde, en segundo lugar, á petición do Parlamento de Galicia de que a Xunta adopte, como marco de actuación, o establecido polo vindeiro Regulamento Europeo de Intelixencia Artificial, antes da súa entrada en vigor, prevista para o ano 2024, e proceda ao ditado da normativa necesaria para a aplicación da IA da Administración xeral e do SPAG. 

Obxectivos:

Mediante o texto legal que se vai elaborar, trátase de crear unha regulación única, sistemática e coherente, que permita un uso eficaz, eficiente, ético e seguro da intelixencia artificial na Administración xeral e do SPAG.

Con esta finalidade abordaranse as seguintes cuestións:

  • O establecemento dos principios éticos reitores do deseño, adquisición, implementación e uso de sistemas de IA por parte da Administración xeral e do SPAG.
  • Neste conxunto, pódense salientar os seguintes: boa administración dixital e dilixencia debida; auditabilidade e explicabilidade; transparencia; claridade; imparcialidade e ausencia de nesgos; seguridade e privacidade; reserva de humanidade e revisión humana; proactividade e personalización; universalidade e accesibilidade; fiabilidade e responsabilidade; avaliación do impacto nas persoas, na sociedade e no medio ambiente; e formación continua.
  • Os dereitos da cidadanía en relación cos sistemas de IA usados pola Administración xeral e do SPAG. O texto da futura lei recoñecerá aos cidadáns dereitos de liberdade, igualdade e reacción fronte ao deseño, adquisición, implementación e uso de sistemas de IA.
  • A gobernanza da IA en Galicia, establecendo as competencias dos organismos de xestión (centralizada e descentralizada), de avaliación e supervisión e de coordinación. Así mesmo, fixaranse na lei os criterios de colaboración con outras Administracións e co sector privado e a actuación de organismos como o Observatorio Galego de Intelixencia Artificial e o Nodo galego de Intelixencia Artificial.
  • A planificación do desenvolvemento da IA en Galicia, mediante a Estratexia Galega de Intelixencia Artificial, os plans sectoriais e os proxectos singulares.
  • A adquisición e desenvolvemento de sistemas de IA na Administración xeral e do SPAG. A lei fixará os criterios e os procedementos para a adquisición, implementación, seguimento e avaliación dos mesmos. 
  • O uso dos sistemas de IA na Administración xeral e do SPAG. A norma determinará o alcance do uso de IA na toma de decisións e establecerá garantías para os cidadáns fronte ás decisións tomadas por un sistema de IA ou co apoio do mesmo. Así, regularase a aprobación de Guías e Certificacións sobre o uso de sistemas de IA, así como ferramentas de autodiagnose.
  • As medidas para o impulso da IA en Galicia. A lei preverá o establecemento de incentivos e bonificacións impositivas, así como medidas de innovación, coma un ecosistema gobtech, un sandbox específico ou regras particulares para a compra pública de innovación neste campo. Finalmente, incluirá medidas de formación, coa fin de acadar a correcta utilización da IA e loitar contra os riscos que o seu uso leva intrínseco.

Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:

Dada a novidade e complexidade das cuestións que supón o uso de sistemas de da IA na Administración xeral e do SPAG, considérase imprescindible a aprobación dunha regulación con rango de lei, que dea as mellores respostas posibles ás devanditas cuestións. Esta norma pretende colmar unha lagoa normativa, introducindo os máis modernos e acaídos principios e instrumentos regulatorios existentes.

Rango da norma:

Lei

Achegas e opinións recibidas: 3

Formulario de participación

Cubra este formulario e a súa achega/opinión será atendida polo departamento que elaborou esta consulta previa. Lembre que os campos sinalados con asterisco (*) son obrigatorios

Datos persoais
Achegas/opinións

Se fose necesario anexar algún documento, este deberá axustarse aos seguintes formatos: .bmp, .ce3, .cex, .csv, .cte, .dbf, .doc, .docx, .dwg, .dxfn, .inp, .jpg, .ods, .odt, .pd2, .pdf, .pdl, .png, .prj, .shp, .shx, .tiff, .txt, .xls, .xlsx, .xml. En calquera caso non se deberá superar o límite de tamaño establecido de 5 MB.