Decreto polo que se regulan as Entidades Deportivas de Galicia e o seu Rexistro

Órgano ou entidade impulsora: Vicepresidencia segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

Departamento: Vicepresidencia segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

Estado actual: Consulta pechada

Prazo no que estivo aberta a consulta: 07/03/2023 - 22/03/2023

Información sobre a norma :

  • Antecedentes:

    A Lei do deporte de Galicia regula no Título IV os axentes da actividade deportiva, recollendo no seu Capítulo II as entidades deportivas. Outorga esta consideración aos clubes deportivos, ás agrupacións deportivas escolares, ás seccións deportivas e ás federacións deportivas, dedicando a Sección 3ª, en exclusiva, a regular as federacións deportivas galegas como entidades privadas, sen ánimo de lucro, con personalidade xurídica propia e plena capacidade de obrar, cuxo ámbito de actuación se estende ao territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, que exercen unha dualidade de funcións, as propias e privadas e as públicas delegadas pola Lei.

    Unha parte esencial do desenvolvemento da actividade deportiva na comunidade galega a constitúen os axentes deportivos, entre os que a normativa legal recolle as entidades deportivas e que, en virtude do disposto na lexislación actual, deberán figurar inscritas no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia, cuxa organización e funcionamento desenvólvese por vía regulamentaria a través do Decreto 85/2014, do 3 de xuño, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia.

  • Problemas que se pretenden solucionar:

    O certo é que a día de hoxe faise necesaria unha norma que desenvolva estas disposicións legais na busca de dotar estas entidades e os seus integrantes dun marco xurídico concreto, estable e detallado, que lles permita exercer os seus dereitos e, ao mesmo tempo, se lles poida esixir o cumprimento das súas obrigas e deberes.

    Co obxecto de que o Rexistro cumpra con rigor e eficacia as funcións básicas que veñen determinadas na Lei 3/2012, do 2 de abril, así como de simplificar e facer efectiva unha axeitada inscrición das distintas entidades deportivas e as súas distintas situacións, devén proceder á derrogación de toda a normativa vixente reguladora desta materia, o Decreto 85/2014, do 3 de xuño, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia, e a súa adecuación coa regulación proxectada das Entidades Deportivas de Galicia.

  • Necesidade e oportunidade da súa aprobación:

    Dotar as entidades deportivas de Galicia e os seus integrantes dun marco xurídico concreto, estable e detallado, que permita a todo o conxunto exercer os seus dereitos e, ao mesmo tempo, se lle poida esixir o cumprimento das súas obrigas e deberes.

  • Obxectivos:

    Desenvolver a Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia con respecto ao réxime xurídico das entidades deportivas de Galicia, e particularmente das federacións deportivas, tendo en conta que son as únicas entidades deportivas que teñen atribuídas, en virtude dunha disposición con rango de lei, o exercicio de funcións delegadas pola Administración pública autonómica, o que fai preciso que dispoñan dun marco xurídico claro que reflicta o alcance e as consecuencias desa atribución.

  • Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:

    A día de hoxe soamente se contempla como solución a aprobación do decreto.

  • Rango da norma:

    Decreto

Achegas e opinións recibidas: 5