Antecedentes:
O Decreto 29/2010, de 4 de marzo, polo que se aproban as normas de habitabilidade de vivendas de Galicia (DOG 18/03/2010) regula as condicións de habitabilidade que deben cumprir as vivendas que se constrúen ou rehabilitan en Galicia. Esta norma rexe os aspectos funcionais, non regulados por outras normativas técnicas, para garantir a calidade e habitabilidade dos espazos das vivendas galegas co obxecto de lograr o confort e benestar das persoas moradoras.
Nos últimos tempos estase a falar con insistencia sobre a reconversión en vivendas de antigos locais comerciais, pero os requisitos establecidos no devandito decreto limitan moito as posibilidades de realizar tales conversións, que por un lado permiten incrementar o número de vivendas dispoñibles e por outro facilitan a ocupación de locais que, por mor de diversas circunstancias, se atopan baleiros e sen expectativas de recuperar o uso comercial.
Por outra parte, pasados preto de trece anos dende a aprobación da devandita normativa, considérase necesario realizar unha revisión desta, adaptándoa a diversas necesidades xurdidas ao longo dos anos e postas de manifesto no marco do Observatorio de Vivenda de Galicia.
A comisión técnica do Observatorio da Vivenda analizou os cambios necesarios nas normas de habitabilidade.
Problemas que se pretenden solucionar:
Esta norma trata de fixar, de xeito claro e adaptado ás necesidades reais, os parámetros e as condicións que deben seguir as novas vivendas resultado das actuacións anteriormente sinaladas. Polo tanto, deben atender á evolución da sociedade, aos novos modos de habitar e deberán adaptarse ás necesidades das persoas usuarias.
Nos últimos tempos estase a falar con insistencia sobre a reconversión en vivendas de antigos locais comerciais, pero os requisitos establecidos no devandito decreto limitan moito as posibilidades de realizar tales conversións, que por un lado permiten incrementar o número de vivendas dispoñibles e por outro facilitan a ocupación de locais que, por mor de diversas circunstancias, se atopan baleiros e sen expectativas de recuperar o uso comercial.
Por outra parte, pasados preto de trece anos dende a aprobación destas normas, considérase necesario realizar unha revisión desta para adaptala ás novas necesidades xurdidas ao longo dos anos e mellorala naqueles aspectos que así o requiran á vista da experiencia adquirida como resultado da súa aplicación durante este tempo.
Os aspectos máis relevantes das normas de habitabilidade que se consideraba conveniente modificar foron debatidos no seo do Comité Asesor de Habitabilidade, órgano de carácter consultivo creado polo propio Decreto 29/2010, nas súas sesións de datas: 28 de setembro, 23 de novembro e 2 de decembro do ano 2022.
Obxectivos:
Os principais aspectos sobre os que incide a modificación son os que se detallan de seguido:
Cambio de uso de locais a vivendas
Dende o Observatorio da Vivenda constatouse o problema que supón nalgunhas cidades o progresivo abandono en que se atopan as plantas baixas das edificacións destinadas a usos comerciais cando cesa a súa actividade como consecuencia dos cambios socioeconómicos que está a experimentar a nosa sociedade.
Esta situación, nalgúns casos, supón un proceso de degradación que afecta non só á imaxe da cidade senón tamén á propia vida urbana e ao grao de cohesión social existente no ámbito afectado.
Analizado o tema na comisión técnica do Observatorio de Vivenda de Galicia, considerouse que unha das posibles vías para resolver este problema sería a adaptación destes espazos ao uso de vivenda. Sen embargo, esta posibilidade queda impedida, en certos casos, pola normativa de habitabilidades que esixe o cumprimento dunhas determinadas condicións que garantan a protección de vistas das estancias das vivendas dende o espazo público, condicións que ás veces, debido á propia configuración do edificio, resultan de imposible cumprimento.
Se ben é certo que, dende a perspectiva do IGVS, garantir a intimidade nas vivendas protexéndoas das vistas dende os espazos públicos aos que abren as súas estancias constitúe un requisito esencial para garantir a calidade de vida das persoas moradoras, o debate suscitado polas consecuencias que sobre a calidade de vida urbana ten o abandono dos locais en planta baixa pon en evidencia que existen outros condicionantes que aconsellen chegar a un equilibrio entre os distintos valores en conflito naquelas zonas onde a degradación urbana pode supor un problema importante.
Por estes motivos, na presente modificación do decreto mantense, con carácter xeral, a esixencia de protección de vistas nas vivendas resultado da reconversión dos locais de plantas baixas que antes non tiñan o devandito uso, pero permítese que os Concellos, partindo do coñecemento pormenorizado do territorio e das súas necesidades, poidan delimitar ámbitos nos que, en función dos problemas urbanísticos xerados, poida eximirse ou matizarse a esixencia de protección de vistas dende os espazos públicos mediante a tramitación dun Anexo de Habitabilidade.
A devandita figura xa estaba contemplada no decreto actualmente en vigor e nela podían recollerse determinacións diferentes ás establecidas nas NHV para as vivendas emprazadas en ámbitos afectados por algún plan de protección. Agora amplíase o alcance deste anexo permitindo a súa redacción co obxecto de propor excepcións ao cumprimento das esixencias de protección de vistas nas vivendas en planta baixa cando existan motivos urbanísticos ou de protección do patrimonio que así o xustifiquen.
Condicións de vivenda exterior
As normas de habitabilidade esixen que as vivendas teñan condición de vivenda exterior, o que significa que algunhas das súas estancias deban abrir necesariamente a espazos exteriores como rúas, prazas, espazos libres ou espazos privados cuxas características garantan unha calidade mínima. A delimitación destes espazos debe realizarse, con carácter xeral, a través dos instrumentos urbanísticos de ordenación municipal.
Na presente modificación permítese que, a través da figura do Anexo de Habitabilidade e sen necesidade de modificar o correspondente documento de ordenación urbanística, os Concellos poidan delimitar espazos exteriores de calidade para permitir o cumprimento das condicións de vivenda exterior.
Flexibilización das esixencias normativas aplicables ás actuacións de remodelación de vivendas para uso propio
Se ben as normas de habitabilidade procuran establecer unhas condicións axeitadas das vivendas que satisfagan os requisitos de habitabilidade garantindo que as condicións das vivendas ofertadas no mercado cumpran os requisitos esenciais de habitabilidade, considérase que, nos casos de remodelación de vivendas acometidas polas persoas propietarias para o seu propio uso, o cumprimento estrito destas esixencias normativas pode entrar en conflito coas necesidades específicas das persoas moradoras, circunstancias que non poden ser tidas en conta nunha normativa de carácter xeral. Por estes motivos, e só para este tipo de actuacións, permítese flexibilizar as condicións de habitabilidade para adecuar a remodelación de vivendas ás necesidades concretas das persoas propietarias ou usufrutuarias.
Modificacións convenientes para evitar redundancias con outra normativa sectorial
Algunhas das esixencias recollidas nas NHV foron recollidas noutras normas de obrigado cumprimento, como o CTE, polo que non ten sentido a súa regulamentación paralela, polo que se suprimen das NHV todas as exixencias que veñen recollidas noutra normativa de obrigado cumprimento.
Entre estas cuestións cómpre sinalar a eliminación de determinadas esixencias das instalacións de ventilación e outros elementos das instalacións das vivendas, remitíndose ao cumprimento da normativa sectorial aplicable e ao código técnico da edificación.
Modificacións derivadas da experiencia na aplicación destas normas
Ao longo dos máis de dez anos de vixencia das normas detectáronse algúns aspectos que conviña corrixir, ben porque non resultaban operativas, ben porque as circunstancias actuais do mercado e a demanda social aconsella a súa modificación.
Trátase de cuestións puntuais que melloran e clarifican as determinacións relativas a determinadas cuestións funcionais como poden ser as características dos patios de mazá, a disposición dos elementos e o acceso aos baños e aseos das vivendas, axuste das determinacións relativas aos tendais e lavadoiros das vivendas etc.