Decreto polo que se regulan a planificación e os distintos procedementos de autorización en materia de oficinas de farmacia

Órgano ou entidade impulsora: Secretaría Xeral Técnica

Departamento: Consellería de Sanidade - Secretaría Xeral Técnica

Estado actual: Consulta pechada

Prazo no que estivo aberta a consulta: 23/12/2021 - 21/01/2022

Información sobre a norma :

  • Antecedentes:

    Na actualidade, o Decreto 146/2001, do 7 de xuño, sobre planificación, apertura, traslado, peche e transmisión de oficinas de farmacia regula o procedemento para a autorización e adxudicación de novas oficinas de farmacia, establecendo os órganos da Consellería de Sanidade que teñen atribuída a competencia na materia, así como o réxime xurídico ao que está suxeito. Regúlanse tamén nel os procedementos de autorización en materia de cambio de localización, peche e transmisión de oficinas de farmacia. O Decreto 66/2018, do 14 de xuño, veu modificar o anterior decreto, principalmente para introducir cambios no procedemento de adxudicación de oficinas de farmacia, simplificándoo e reducindo os seus prazos de tramitación, así como introducindo un novo baremo para a valoración dos méritos no concurso público de adxudicación de oficinas de farmacia.

    Con posterioridade a este aprobouse a Lei 3/2019, do 2 de xullo, de ordenación farmacéutica de Galicia, a cal veu introducir importantes novidades na materia, destacando as relativas ao procedemento de adxudicación de novas oficinas de farmacia, que se levará a cabo en "dúas fases": un concurso previo de traslados, ao que poderán concorrer os/as farmacéuticos/as titulares de oficinas de farmacia, seguido dun concurso para a provisión das oficinas de farmacia que resulten vacantes no primeiro. Existen aspectos deste procedemento que a lei deixa para un desenvolvemento regulamentario posterior, o que cómpre levar agora a cabo, regulando tamén aspectos procedimentais e materiais que veñan completar as disposicións relativas aos distintos procedementos autorizadores contemplados na lei, como son os de transmisión, cambio de localización, reforma de local ou peche de oficinas de farmacia.

  • Problemas que se pretenden solucionar:

    O novo decreto que se pretende aprobar virá completar a regulación legal existente en materia de planificación e instalación de novas oficinas de farmacia na nosa comunidade, substituíndo así o Decreto 146/2001, do 7 de xuño, o que permitirá contar cun réxime máis acaído ao actual marco xurídico, dirixido a promover a racionalización da planificación farmacéutica e a regularización do servizo.

    De acordo co mandato legal recollido ao longo do articulado da Lei 3/2019, do 2 de xullo, completaranse os procedementos autorizadores existentes en materias de oficinas de farmacia, como son os de cambio de localización, transmisión, reforma de local e peche de oficinas de farmacias.

  • Necesidade e oportunidade da súa aprobación:

    Este proxecto de decreto resulta necesario e oportuno: dunha banda, porque se trata de dar cumprimento ao mandato de desenvolvemento regulamentario contido na Lei 3/2019, do 2 de xullo, e, doutra banda, dado que, transcorrido máis de ano e medio desde a entrada en vigor da citada lei, téñense detectado as demandas do sector e as necesidades para levar a cabo esa tarefa de completar a regulación da planificación e instalación de novas oficinas de farmacia e dos distintos réximes de autorización existentes en materia de oficinas de farmacia.

  • Obxectivos:

    O obxectivo do decreto que se pretende aprobar é regular os aspectos da planificación e do procedemento de outorgamento da autorización para a instalación de novas oficinas de farmacia que a Lei 3/2019, do 2 de xullo, determinou que se regularían por unha norma regulamentaria posterior. Asemade, preténdese completar a regulación do réxime xurídico dos procedementos de cambio de localización, reforma de local, transmisión e peche de oficinas de farmacia, contando así cunha norma unificada que os regule. Engadiríanse tamén neste decreto outros aspectos que a lei non completou, como son os relativos á medición de distancias entre as oficinas de farmacia ou á caducidade das autorizacións outorgadas nos casos de cambios de localización e instalación de novas oficinas de farmacia.

  • Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:

    Non hai, dado que a aprobación dun decreto regulador destas materias deriva dos mandatos legais contidos na Lei 3/2019, do 2 de xullo.

  • Rango da norma:

    Decreto

Achegas e opinións recibidas: 10