Problemas que se pretenden solucionar:
A calidade do entorno construído non se garante polo feito de cumprir coa normativa urbanística e sectorial vixente. Non se trata só de garantir a construción de edificios que tecnicamente sexan capaces de cumprir a súa función, como simples obxectos inconexos, en canto ao uso ao que están destinados, senón de visibilizar e coidar as relacións de afección que se establecen en canto a escala, materialidade e vinculación co entorno existente e con todo o territorio circundante.
A arquitectura é unha disciplina de interese público que afecta directamente ás relacións sociais e á calidade de vida da cidadanía, de dualidade cultural e económica, e que incide directamente na innovación, a sostibilidad, o progreso e a cohesión social; asemade, é unha das manifestacións da cultura e, como tal, un factor esencial e constitutivo da identidade de Galicia, forxada a través do tempo, e que resulta necesaria para facer posibles múltiples dereitos e, de xeito especial, o dereito ao acceso a unha vivenda de calidade.
A arquitectura de Galicia, en particular, os/as seus/súas profesionais senlleiros/as e o noso patrimonio construído son un referente internacional de prestixio, de boas prácticas e dun alto nivel de estándares de calidade nas súas realizacións.
Por todo isto, debe considerarse que a arquitectura é un ben de interese xeral que os poderes públicos están obrigados a preservar, difundir e fomentar, procurando o máis alto nivel posible de calidade en tódalas súas realizacións, promovendo o enraizamento social desta disciplina e a formación da cidadanía nos seus valores.
Necesidade e oportunidade da súa aprobación:
A necesidade do posicionamento xurídico, político e administrativo da arquitectura está recoñecida polas institucións da Unión Europea, que instan aos estados membros a implantar as políticas de sensibilización e recoñecemento da arquitectura, salientando o seu interese público polo impacto na identidade cultural e no progreso económico ao propiciar a innovación e a sostibilidade.
Precísase, polo tanto, un marco lexislativo de máximo nivel que defina o seu obxecto e ámbito de xeito que faga esixible esta toma de conciencia ao redactar ou aplicar outras normas que atinxan á arquitectura. En consecuencia, trázanse unhas liñas mestras que non pretenden a modificación da lexislación vixente senón a súa coordinación, baixo o prisma aglutinador da arquitectura.
Este proxecto de lei complementará o disposto na Lei 38/1999, do 5 de novembro, de ordenación da edificación, e no Código Técnico da Edificación, para garantir a calidade das construcións, o que redundará na mellora da calidade de vida das persoas e a súa relación co seu entorno. Asemade, atendendo á Resolución do Consello de Europa do 12 de febreiro de 2001, fomentarase un mellor coñecemento desta disciplina e do deseño urbanístico, e procurarase unha maior sensibilización e formación dos/as promotores/as e da cidadanía respecto da cultura arquitectónica, urbana e paisaxística, culminando a senda iniciada hai 20 anos co Proxecto Terra.
Ademais, e consonte as directrices da Unión Europea, a arquitectura en Galicia é unha profesión titulada de colexiación preceptiva. Semella así oportuno afondar nas posibilidades de colaboración entre Administración e colexios profesionais para acadar os obxectivos desta lei. En primeiro termo temos, evidentemente, o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, mais non pode ser o único interlocutor, xa que a arquitectura tamén se nutre de disciplinas complementarias, como son as enxeñerías, e de todas as manifestacións artísticas e de perspectiva histórica e social, imprescindibles para alcanzar a complexidade do proceso arquitectónico, urbanístico e paisaxístico.
A nova norma debe ter en conta, así mesmo, que lle compete á Administración non só unha función de regulación, senón tamén o papel de promotora, velando nese caso pola busca da calidade tamén nos procesos de contratación. Á Xunta de Galicia, que ten competencia en Educación e Patrimonio Cultural, compételle promover a educación sobre a arquitectura e sobre o patrimonio construído.