Lei de Administración dixital de Galicia

Órgano ou entidade impulsora: Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega)

Departamento: A Presidencia da Xunta - Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

Estado actual: Consulta pechada

Prazo no que estivo aberta a consulta: 16/05/2017 - 22/06/2017

Información sobre a norma :

  • Antecedentes:

    A Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e a Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, supoñen un novo escenario normativo para a consolidación da administración dixital nas administracións públicas, e polo tanto tamén na administración xeral e sector público autonómico de Galicia.

    A Lei 39/2015 derroga expresamente a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e a Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, que ata o de agora constituían a base normativa para o desenvolvemento da administración electrónica.  

    No marco autonómico, o Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, supuxo un cambio organizativo substancial, xa que ordena o proceso de desenvolvemento dos servizos electrónicos e determina o réxime regulador do dereito da cidadanía a relacionarse coa Administración pública galega por medios electrónicos e o Decreto 191/2011, do 22 de setembro, de organización e funcionamento dos rexistros da Administración xeral e das entidades públicas instrumentais da Comunidade Autónoma de Galicia, establece o marco xurídico do Sistema Único de Rexistro da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico.

  • Problemas que se pretenden solucionar:

    A normativa autonómica neste ámbito ten un carácter meramente regulamentario no marco xeral establecido pola normativa estatal a través da elaboración dunha base normativa en desenvolvemento das competencias propias da Comunidade Autónoma de Galicia.

    Deste xeito, resulta clave dotar o noso ordenamento xurídico dun marco coherente actualizado e ordenado que sistematice as relacións administrativas dixitais «ad extra» e «ad intra» na Xunta de Galicia, os dereitos das persoas nas súas relacións dixitais e promova un réxime xurídico novo na administración dixital na Administración xeral e do sector público de Galicia segundo as prescricións básicas establecidas na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas e na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

  • Necesidade e oportunidade da súa aprobación:

    A aprobación dunha lei de administración dixital de Galicia permitirá:

    • Dotar a Xunta de Galicia dun marco legal que, desde unha perspectiva transversal, permita dar coherencia á actuación global en materia de administración electrónica.
    • Establecer, dentro do marco normativo xeral en materia de administración electrónica, os principios reitores da intervención pública das Administracións públicas de Galicia.
    • Ofrecer unha maior eficacia, eficiencia e simplificación  dos procedementos a través dos cales os cidadáns e as empresas se relacionan coa Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.
    • Acadar un contexto normativo global e coherente como punto de partida para incentivar o investimento público e privado neste ámbito, dotando da seguridade xurídica necesaria para xerar confianza ao sector, confirmando a aposta decidida da Administración autonómica no desenvolvemento das TIC.
  • Obxectivos:

    • Desenvolver o marco dixital de referencia na Administración xeral e do sector público autonómico segundo os principios de servizo efectivo aos cidadáns, transversabilidade, simplicidade, claridade, proximidade, cooperación, colaboración e coordinación entre as Administracións públicas, racionalización e axilidade dos procedementos administrativos e das actividades materiais de xestión.
    • Establecer e regular as bases do réxime xurídico da Administración dixital na Administración xeral e do sector público de Galicia, así como a organización e funcionamento da Administración dixital para acadar un contexto 100% dixital.
  • Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:

    O actual marco normativo de administración electrónica que está integrado por decretos, ordes e demais disposicións de inferior rango.

    Neste sentido, valorouse a modificación da base normativa actual composta, principalmente, polo Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, e o Decreto 191/2011, do 22 de setembro, de organización e funcionamento dos rexistros da Administración xeral e das entidades públicas instrumentais da Comunidade Autónoma de Galicia. Dada a maior amplitude da lei que se pretende desenvolver optase pola redacción dunha nova norma, con rango de lei, para integrar todo o marco dixital de referencia na Administración xeral e do sector público autonómico.

  • Rango da norma:

    Lei