Lei de ordenación do territorio de Galicia

Órgano ou entidade impulsora: Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo

Departamento: Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio - Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo

Estado actual: Consulta pechada

Prazo no que estivo aberta a consulta: 10/07/2018 - 24/07/2018

Información sobre a norma :

  • Antecedentes:

    De conformidade co disposto nos artigos 148.1.3 da Constitución española e 27.3 do Estatuto de Autonomía de Galicia, corresponde en exclusiva á comunidade autónoma galega a competencia en materia de ordenación do territorio, no ámbito da observancia da lexislación básica que, en garantía da igualdade de todos os españois para a protección do medio ambiente, corresponde ao Estado, segundo o disposto nos artigos 149.1.8 e 23 da Constitución Española.

    Ao abeiro da devandita atribución competencial aprobouse a Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, que foi desenvolvida a través do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos de incidencia supramunicipal, e que veu completar o sistema de planificación urbanística con outro sistema, o de ordenación territorial, que puidese solucionar as insuficiencias que ofrecía aquel e na que se definiu unha serie de instrumentos de ordenación territorial orientados, fundamentalmente, a corrixir os desequilibrios territoriais e mellorar a coordinación das actuacións territoriais supramunicipais.

  • Problemas que se pretenden solucionar:

    Actualización normativa: tras máis de dúas décadas de vixencia, ofrecer solucións ás necesidades e problemática detectadas.

    Simplificación administrativa: tramitación dos diferentes instrumentos, integrando a tramitación ambiental e reducindo trámites.

    Simplificación normativa: derrogando a Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia; e incorporando a regulación que respecto dos plans e proxectos sectoriais se contén actualmente no Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, así como o de cantas cuestións se considere necesario abordar xa dende a propia norma a tramitar.
     

  • Necesidade e oportunidade da súa aprobación:

    A consecución dos obxectivos sinalados pola Estratexia Europea de Ordenación do Territorio, a necesaria adaptación do contido da Lei de ordenación do territorio da comunidade aos mesmos e os anos de aplicación da lei que poñen de manifesto as debilidades e fortalezas da mesma xustifican a revisión e consecuente actualización da normativa propia da Comunidade Autónoma de Galicia.

  • Obxectivos:

    Xa dende o ano 1999 a Estratexia Europea de Ordenación do Territorio contempla que as políticas de desenvolvemento territorial deben orientarse a acadar un desenvolvemento equilibrado e sostible do territorio da Unión.

    Segundo se recolle neste documento, é importante asegurar que os tres seguintes obxectivos fundamentais da política europea se logren por igual en todas as rexións da Unión Europea: a cohesión económica e social, a conservación e xestión dos recursos naturais e do patrimonio cultural e a competitividade máis equilibrada do territorio europeo.

    Neste senso, a achega das políticas de desenvolvemento territorial consiste en promover o desenvolvemento sostible da Unión Europea mediante unha estrutura equilibrada do territorio, para o cal se acordaron os tres principios ou directrices da política de desenvolvemento territorial da Unión Europea:

    • O desenvolvemento dun sistema equilibrado e policéntrico de cidades e unha nova relación entre campo e cidade,
    • A garantía dun acceso equivalente ás infraestruturas e ao coñecemento,
    • O desenvolvemento sostible, a xestión intelixente e a protección da natureza e do patrimonio cultural.

    Asemade, considérase necesario incorporar a tramitación ambiental dos instrumentos de ordenación territorial ao contido da propia lei, simplificando e clarificando na medida do posible os diferentes procedementos de aprobación e modificación dos mesmos.

  • Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:

    A alternativa a esta nova regulación sería unha modificación da vixente Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia e do Decreto que a desenvolve, pero polos motivos expostos anteriormente considérase procedente abordar unha reforma integral da mesma, co fin de facilitar o seu manexo e mellorar a seguridade xurídica dos cidadáns, en lugar de modificala parcialmente.

  • Rango da norma:

    Lei

Achegas e opinións recibidas: 2