Proxecto de decreto polo que se modifica o Decreto 119/2005, do 6 de maio, polo que se crea o Instituto de Medicina Legal de Galicia

Órgano ou entidade tramitadora: Dirección Xeral de Xustiza

Departamento: Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes - Dirección Xeral de Xustiza

Inicio da tramitación: 10/06/2025

Obxecto:

o decreto ten como obxecto modificar o Decreto 119/2005, do 6 de maio, polo que se crea o Instituto de Medicina Legal de Galicia. O tempo transcorrido dende a creación e posta en funcionamento deste órgano, a experiencia alcanzada e as modificacións lexislativas producidas dende entón fan necesaria esta modificación. En particular, coa aprobación do Real Decreto estatal 144/2023, do 28 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento dos Institutos de Medicina Legal e Ciencias Forenses, e que derroga o Real Decreto 296/1996, do 23 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento orgánico do corpo de médicos forenses e o Real Decreto 386/1996, do 1 de marzo, polo que se aproba o Regulamento dos Institutos de Medicina Legal.

Por tanto, modifícase a denominación do Instituto, que pasa a denominarse Instituto de Medicina Legal e Ciencias Forenses de Galicia. Ademais regúlanse as unidades de valoración forense integral, como equipos interdisciplinarios formados por persoal médico forense, da psicoloxía e do traballo social, con formación especializada en familia, menores, persoas con discapacidade e en violencia de xénero, violencia sexual e violencia doméstica.

Por outro lado, introdúcense unha serie de cambios organizativos e funcionais. Así, inclúense no ámbito de actuación da Subdirección territorial de Pontevedra os partidos xudiciais de Lalín e A Estrada, que ata o momento forman parte do ámbito de actuación da Subdirección territorial de Santiago de Compostela. Tamén se producen cambios na figura da Dirección, regulando o nomeamento polo sistema de libre designación entre persoal funcionario pertencente ao Corpo de Médicos Forenses e por un prazo determinado, desligando ademais as funcións da Dirección das propias da Subdirección territorial de Santiago de Compostela, creando en consecuencia unha praza independente nesta Subdirección. Tamén se modifica a composición do Consello de Dirección, no referido aos membros electos, que ata o momento está restrinxido aos/ás médicos/as forenses, e que se abre aos diferentes colectivos profesionais periciais con destino no Instituto.

Estado actual: Pendente de aprobación

Prazo para remitir suxestións: pechado desde 10/07/2025

Suxestións recibidas: 3