Oficina de defensa das persoas usuarias dos servizos públicos

O artigo 25 da Lei 1/2015, do 1 de abril, de garantía da calidade dos servizos públicos e da boa administración regula a Oficina de defensa das persoas usuarias dos servizos públicos e dispón que o órgano competente en materia de avaliación da calidade dos servizos públicos actuará, funcionalmente, como oficina de defensa das persoas usuarias dos servizos públicos do sector público autonómico.

A devandita oficina funciona como un sistema homoxéneo para a recepción, tramitación e xestión das suxestións e queixas respecto de cuestións relativas a dereitos e obrigas das persoas usuarias e ao seu estatuto. Todo isto sen prexuízo do dereito da persoa interesada a utilizar as vías de recurso que teña atribuídas por lei.

Ademais de recibir cantas suxestións ou observacións desexen realizar os cidadáns e as cidadás na súa relación coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, a oficina ten como misión recadar información sobre aspectos relativos ao funcionamento dos servizos do sistema, así como informar das actuacións efectuadas e, se for o caso, das medidas correctoras ou de mellora adoptadas para lograr unha maior calidade de atención e un maior grao de satisfacción por parte das persoas usuarias.

Os informes e as recomendacións da oficina de defensa das persoas usuarias dos servizos públicos serán convenientemente observados polos órganos, servizos e unidades competentes en cada caso, que deberán telos en conta para corrixir, desenvolver ou implantar as posibles melloras que se poñan de manifesto.

De conformidade co disposto no artigo 25 da Lei 1/2015, do 1 de abril, de garantía da calidade dos servizos públicos e da boa administración, a Oficina elaborará un informe no cal se avaliarán, con carácter xeral, o tratamento dado ás suxestións e queixas, os datos estatísticos globais e as medidas susceptibles de mellora. Este informe publicarase no Portal de transparencia e goberno aberto para garantir o seu coñecemento e remitirase ao Valedor do Pobo.