Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia 2015

O obxectivo xeral do Pladiga é reducir ao mínimo posible os danos ecolóxicos, económicos e sociais producidos polos lumes forestais na Comunidade Autónoma de Galicia, dentro dos recursos dispoñibles.

O Pladiga 2015 (Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia) ten por obxecto o establecemento da organización e o procedemento de actuación dos recursos e servizos cuxa titularidade corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia, daqueles que poidan ser asignados a este pola Administración Xeral do Estado, así como dos que puidesen ser facilitados por outras entidades públicas ou privadas para facer fronte aos incendios forestais dentro do territorio
galego. Tamén, o de permitir, no seu caso, unha coordinación e actuación conxunta dos servizos e administracións implicadas na loita contra o lume, co fin de desenvolver na súa totalidade a fase de actuacións das situación 0 e 1 (referidas a aqueles lumes forestais con IGP0 ou IGP1, clasificados así polas dimensións ou as características da masa forestal afectada, e aquelas propias asignadas para a situación 2 no Peifoga).

Así, o devandito plan ten como funcións principais:

Prever a estrutura organizativa e os procedementos para a prevención, detección, extinción e investigación de incendios forestais segundo as épocas de perigo
Establecer con carácter xeral as épocas de perigo, relacionadas co risco de incendios forestais, en función das previsións xerais e dos diferentes parámetros locais que definen o risco
Reducir ao máximo posible, tendo en consideración os recursos dispoñibles, as consecuencias ecolóxicas, económicas e sociais producidas polos incendios forestais
Establecer os obxectivos e as actuacións a desenvolver no ano 2014 para facer fronte aos incendios forestais.

Xustificación

A elaboración do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (PLADIGA) obedece ao disposto na Lei 3/2007, do 9 de abril de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia modificada pola Lei 7/2012, do 28 de xuño, de Montes de Galicia, á Lei 2/1985, do 21 de xaneiro, sobre Protección Civil, á Lei 5/2007, do 7 de maio, de Emerxencias de Galicia, ao Plan Territorial de Emerxencias de Galicia (PLATERGA) e ao Plan Especial de Protección Civil ante Emerxencias por Incendios Forestais na Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei 3/2007 no seu artigo 5 punto 2, establece que as competencias da Xunta de Galicia en materia de incendios forestais serán exercidas polo Consello da Xunta e pola consellería competente en materia forestal. Segundo o artigo 6, puntos 1b) e 2, correspóndelle á Xunta de Galicia elaborar o Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia e á consellería competente en materia forestal exercer estas competencias.

Así, conforme á Lei 3/2007 e no seu artigo 14 punto 1, o Pladiga reflectirá a política e as medidas para a defensa dos terreos forestais e das áreas de influencia forestal, englobando os plans de prevención, protección, sensibilización, vixilancia, detección, extinción, investigación e desenvolvemento, soporte cartográfico, coordinación e formación dos medios e axentes do servizo, así como unha definición clara de obxectivos e metas por acadar, a programación das medidas e accións, o orzamento e o plan financeiro, así como os indicadores da súa execución.

Logo da publicación da Directriz básica de planificación de protección civil de emerxencia por incendios forestais (Real Decreto 893/2013, de 15 de novembro) cambia o marco legal de referencia para a aprobación dos plans de emerxencia por incendios forestais, sendo un dos cambios máis relevantes a definición das situacións operativas de emerxencia que deben contemplar os plans, e que substitúen aos niveis de gravidade.

O Plan especial de protección civil ante emerxencias por incendios forestais na Comunidade Autónoma de Galicia (Peifoga) establece que é responsabilidade do departamento competente en materia forestal designado no Pladiga a dirección do Plan en Situación 0 e 1. Diste xeito correspóndelle ao Pladiga desenvolver na súa totalidade as fases de actuación nas situacións 0 e 1.

 

Data de actualización: 11/6/2015