Decreto 61/2016, do 11 de febreiro, polo que se define a Carteira de servizos sociais de inclusión

Departamento: Consellería de Política Social - Dirección Xeral de Inclusión Social

Inicio da tramitación: 10/08/2015

Data da publicación no DOG: 08/06/2016

Obxecto: A Carteira de Servizos de Inclusión Social de Galicia supón a asunción dun modelo que supera a visión centrada nos equipamentos e pon o foco nas persoas e na atención dos factores que provocan situacións de vulnerabilidade e determinan as dinámicas de exclusión. Así pois, a Carteira de Servizos de Inclusión Social de Galicia constitúe un novo progreso no que se refire ao proceso de mellora da calidade e de promoción da eficiencia, eficacia, uso e axuste dos servizos e prestacións ás necesidades cambiantes da poboación galega en materia de inclusión social.

A carteira de servizos é froito dun proceso que contou coa participación tanto da Administración xeral e local da Comunidade Autónoma de Galicia como dos axentes sociais, entidades e profesionais que constitúen o Sistema de servizos sociais, o que permitiu o coñecemento e estudo en profundidade da actual oferta de servizos e a identificación de novas necesidades.

Estrutúrase en dúas grandes áreas: unha primeira de servizos, que inclúe os servizos de acollida e prevención, de atención ás necesidades básicas e de atención integrada; e unha segunda área que recolle as prestacións económicas. De acordo coa citada Lei 13/2008, do 3 de decembro, a carteira recolle para cada servizo a súa denominación, nivel de actuación ou administración responsable, tipoloxía, definición, obxectivos, destinatarios/as, forma e condicións de acceso, prestacións que incorpora, e a posibilidade de oferta por entidades prestadoras de servizos sociais.

Estado actual: aprobada e publicada no DOG