-
Antecedentes:
A Comunidade Autónoma de Galicia ten competencia exclusiva en materia de asistencia social conforme ao disposto no artigo 27.23 do seu Estatuto de autonomía.
A vixente Lei 3/2011, de 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia dedica o seu Título II á infancia e á adolescencia, dende unha perspectiva global, ao entender que a obriga de protección non só alcanza ás situacións nas que deben intervir as Administracións por mandato legal, senón tamén o desenvolvemento de políticas de benestar que favorezan e garantan un nivel de vida digno.
Con todo, dende esta norma, o escenario normativo a nivel nacional foi mudando e resulta imprescindible realizar unha adaptación da normativa autonómica que recolla tanto as modificacións do sistema de protección á infancia e á adolescencia como o enfoque de dereitos que aposta por un desenvolvemento integral de nenos, nenas e adolescentes en contornas libres de violencia e con recoñecemento da súa condición de suxeitos de pleno dereito.
-
Problemas que se pretenden solucionar:
Ata agora, todas as novidades e modificacións lexislativas no ámbito autonómico que afectan á infancia e á adolescencia foran incluídas noutras leis, como por exemplo:
- A Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e a convivencia de Galicia.
- A Lei 5/2021, do 2 de febreiro, de impulso demográfico de Galicia.
- Ou as distintas leis de ámbitos máis sectoriais -social, sanitario, educativo etc.- que tamén afectan directamente á infancia.
Tamén hai que ter en conta a lexislación estatal nesta materia, especialmente dúas leis:
- A Lei Orgánica 8/2015, de 22 de xullo, de modificación do sistema de protección á infancia e á adolescencia.
- A Lei Orgánica 8/2021, de 4 de xuño, de protección integral á infancia y á adolescencia fronte á violencia.
-
Necesidade e oportunidade da súa aprobación:
Na actualidade resulta imprescindible actualizar o sistema de protección á infancia e á adolescencia de acordo co marco normativo estatal; regular novas figuras e procedementos nesta materia aliñados cun maior respecto ao interese superior de nenos, nenas e adolescentes, e desenvolver a nivel autonómico os principios xerais establecidos na Lei Orgánica 8/2021, de 4 de xuño, de protección integral á infancia e á adolescencia fronte á violencia.
-
Obxectivos:
A realidade é que Galicia non ten unha lei específica de ámbito galego, adaptada á nosa realidade, e na que se aborde:
- A atención á infancia e á adolescencia.
- A protección integral dun colectivo especialmente vulnerable.
- As distintas actuacións que se deben levar a cabo para garantir os seus dereitos.
- O réxime de infraccións e sancións en materia de infancia na nosa Comunidade.
Por iso, a Xunta de Galicia inicia a tramitación desta norma co obxectivo de que Galicia dispoña dunha lei moderna, adaptada ás novas realidades sociais e que sobre todo poña á infancia no foco e no centro de actuación de todas as Administracións.
-
Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:
Resulta imprescindible realizar unha norma específica que realice un enfoque integral e transversal da infancia e a adolescencia en Galicia, adaptando, á súa vez, a normativa autonómica á estatal e ás novas realidades sociais nesta materia.
-
Rango da norma:
Lei