Lei galega de acoso e violencia dixital

Órgano ou entidade impulsora: Dirección Xeral de Loita Contra a Violencia de Xénero

Departamento: Consellería de Política Social e Igualdade - Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero

Estado actual: Consulta pechada

Prazo no que estivo aberta a consulta: 16/09/2025 - 01/10/2025

Información sobre a norma :

  • Antecedentes:

    A Lei orgánica 1/2015, do 30 de marzo, pola que se modifica a Lei orgánica 10/1995, do 23 de novembro, do Código penal, introduciu novas figuras delituosas e adecuou os tipos penais xa existentes co fin de ofrecer unha resposta máis adecuada ás novas formas de delincuencia. As modificacións propostas pretendían en particular superar as limitacións da regulación vixente para ofrecer resposta á delincuencia informática no sentido da normativa europea.

    Polo seu lado, a Lei orgánica 10/2022, de protección integral da liberdade sexual, recolle unha mención explícita á violencia dixital sexual cando define o que se entende por violencias sexuais e obriga a prestar especial atención ás violencias sexuais cometidas no ámbito dixital, o que, segundo aclara, comprende a difusión de actos de violencia sexual, a pornografía non consentida e a infantil en todo caso, e a extorsión sexual a través de medios tecnolóxicos. Tamén esta Lei orgánica establece medidas específicas de prevención da violencia no ámbito dixital e da comunicación.

    A nivel autonómico, a Lei 15/2021, do 3 de decembro, pola que se modifica a Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, no seu artigo 3 h) incluíu, dunha maneira pioneira, a violencia de xénero dixital ou violencia en liña contra a muller, que inclúe todo acto ou conduta de violencia de xénero cometido, instigado ou agravado, en parte ou na súa totalidade, polo uso das novas tecnoloxías da información e a comunicación (TIC), como Internet, plataformas de redes sociais, sistemas de mensaxería e correo electrónico ou servizos de xeolocalización, coa finalidade de discriminar, humillar, chantaxear, acosar ou exercer dominio, control ou intromisión sen consentimento na privacidade da vítima; con independencia de que o agresor garde ou non relación conxugal, de parella ou análoga de afectividade no presente ou no pasado, ou de parentesco coa vítima.

  • Problemas que se pretenden solucionar:

    O acoso e a violencia dixital producen uns efectos, na maioría dos casos, máis devastadores para as persoas que o acoso e a violencia no mundo real, pois as TIC teñen unha capacidade de difusión tan ampla como case imposible de controlar. Tamén esta capacidade de difusión dificulta as políticas públicas dirixidas á prevención, á sanción e á reparación. 

    En particular, as TIC presentan riscos para os dereitos humanos das mulleres, as nenas e as adolescentes pois, máis aló de que os resultados actuais indican que as mulleres e os homes experimentan de maneira distinta as formas de violencia e o dano provocado por estas, ata a data, os estudos dispoñibles indican que as mulleres constitúen o obxectivo de certas formas de ciberviolencia, en particular a sexual, nunha proporción moi superior á dos homes, ademais de que os efectos destas formas de violencia son máis traumáticos debido á confluencia de procesos de vitimización secundaria máis intensos para as mulleres, as nenas e as adolescentes.

  • Necesidade e oportunidade da súa aprobación:

    A aprobación da Lei posibilitará a adopción en Galicia de medidas integrais para a sensibilización, a prevención e a detección do acoso e da violencia dixital, así como para a protección e o apoio ás persoas que a sofren, atribuíndo o máis alto grao de efectividade ao dereito constitucional á dignidade das persoas, á igualdade de mulleres e homes e á protección da infancia.

  • Obxectivos:

    En particular, este proxecto normativo ten por finalidade: 
    a) Definir, a efectos da presente lei, os conceptos de acoso e violencia dixital e o seu ámbito de protección obxectiva e subxectiva.
    b) Establecer os principios de actuación, tanto os de carácter substantivo como o de carácter instrumental para a efectividade dos principios de carácter substantivo.
    c) Establecer medidas de sensibilización, prevención e detección do acoso e da violencia dixital no ámbito de competencias da Comunidade autónoma de Galicia.
    d) Posibilitar a debida formación na materia do persoal ao servizo da Comunidade Autónoma de Galicia, así como, dentro do ámbito de competencias da Academia Galega de Seguridade, do persoal das Forzas e Corpos de Seguridade.
    e) Establecer medidas de protección e apoio ás persoas que sofren acoso ou violencia dixital no ámbito de competencias da Comunidade Autónoma de Galicia.

  • Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:

    Esta lei pretende ser un instrumento para a consecución da efectividade do dereito fundamental da cidadanía para vivir sen violencia e do dereito fundamental das mulleres para vivir sen violencia de xénero, conceptuada esta como violación dos dereitos fundamentais e grave problema social que non pode tolerar ningunha sociedade asentada en valores de respecto e solidariedade.

  • Rango da norma:

    Lei

Achegas e opinións recibidas: 8