Decreto polo que se regula o ingreso, a promoción interna e a provisión de postos de traballo de persoas con discapacidade na Función Pública da Administración da Xunta de Galicia

Órgano ou entidade impulsora: Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal

Departamento: Consellería de Facenda e Administración Pública - Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal

Estado actual: Consulta pechada

Prazo no que estivo aberta a consulta: 30/10/2024 - 13/11/2024

Información sobre a norma :

  • Antecedentes:

    A Convención Internacional sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade, aprobada o 13 de decembro de 2006 pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas (ONU) e ratificada por España o 3 de decembro de 2007, supón a consideración das persoas con discapacidade como suxeitos de titulares de dereitos, estando os poderes públicos obrigados a garantir que o exercicio destes dereitos sexa pleno e efectivo.

    O Real Decreto Lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social afonda no concepto de inclusión social efectiva, debéndose garantir a través dunha serie de dereitos entre os que se atopa o dereito ao emprego.

    O Real Decreto Lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto Básico do Empregado Público (TREBEP) dispón a reserva dunha porcentaxe das prazas nas ofertas de emprego público para seren cubertas por persoas con discapacidade.

    Na nosa comunidade autónoma, a Lei 2/2015, de 29 de abril, do emprego público de Galicia dispón, o igual que na lei estatal, unha reserva de prazas nas ofertas de emprego e habilita o Consello da Xunta para ditar as normas regulamentarias necesarias para o desenvolvemento regulamentario e a aplicación da devandita lei.

  • Problemas que se pretenden solucionar:

    Unificar e desenvolver a través desta norma todas as cuestións que, sobre as persoas con discapacidade, dispoñen diversas normativas vixentes no ámbito laboral da Administración da Xunta de Galicia.

  • Necesidade e oportunidade da súa aprobación:

    Regular nunha única norma toda a normativa relacionada co ingreso, a promoción interna e a provisión de postos de traballo das persoas con discapacidade na Administración da Xunta de Galicia.

  • Obxectivos:

    Establecer un marco xeral para garantir o respecto do principio de igualdade de trato das persoas con discapacidade e o establecemento de medidas para promover o ingreso, a promoción interna e a provisión de postos de traballo na Administración Xeral da Xunta de Galicia.

  • Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:

    O decreto recolle melloras ao establecido tanto no Estatuto Básico do Empregado Público como na Lei 2/2015, do 29 de abril, melloras que non existirán de non tramitarse a devandita norma.

  • Rango da norma:

    Decreto

Achegas e opinións recibidas: 2