Lei do clima de Galicia

Órgano ou entidade impulsora: Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático

Departamento: Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda - Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático

Estado actual: Consulta pechada

Prazo no que estivo aberta a consulta: 18/02/2022 - 18/03/2022

Información sobre a norma :

Antecedentes:

  • O Acordo de París, con todos os Estados membros da UE entre os 190 países asinantes, supuxo crear unha ponte entre as políticas actuais e o futuro fixado en 2050. Este acordo, que entrou en vigor en novembro de 2016, serve de motivación da futura Lei do clima de Galicia. Nel establécese un obxectivo a longo prazo co fin de conter o aumento de temperatura do planeta por debaixo de 2 ºC e optimamente por debaixo do 1,5 ºC. Este acordo legalmente vinculante ten por obxecto reforzar a resposta mundial ante a emerxencia do cambio climático, aumentando a capacidade de adaptación aos seus efectos adversos.
  • O Pacto Verde Europeo, como conxunto de políticas e medidas que buscan reducir as emisións de gases invernadoiro, investir en investigación e innovación de vangarda, e preservar o medio ambiente natural de Europa.
  • A Lei europea do clima, aprobada polo Regulamento 2021/1119, vén de transformar as promesas políticas en obrigas legais, enviando claros sinais políticos tanto aos Estados membros como aos axentes económicos. Esta lei reafirma a meta de neutralidade climática na UE a máis tardar en 2050 e propón o camiño para chegar a ela, dotando a ciudadanía e os axentes económicos europeos da previsibilidade, transparencia e responsabilidade que precisan para lograr esta transformación colectiva.
  • O paquete lexislativo europeo coñecido como Obxectivo 55 establece as novas ambicións climáticas cara ao obxectivo 2050 para converter en accións estes obxectivos. Este plan aspira a reducir no ano 2030 as emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI) como mínimo nun 55 % e senta as bases para unha transformación necesaria de todas as políticas públicas cara a unha descarbonización da economía europea.

Problemas que se pretenden solucionar:

No ano 2019, a Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050 estableceu as grandes liñas de acción na loita contra o cambio climático desde unha perspectiva rexional, centrada en Galicia, permitindo tamén contribuír aos obxectivos establecidos a nivel global e compartindo o obxectivo de neutralidade climática da rexión a máis tardar no ano 2050. A propia Estratexia prevé que o seu desenvolvemento e implantación se levará a cabo a través de Plans Rexionais Integrados con horizontes temporais máis curtos. Estes marcos de programación permitirán desenvolver as liñas de acción establecidas para acadar os obxectivos da Estratexia mediante medidas específicas. Esta fórmula de implantación está orientada a facilitar a realización dunha avaliación continua e a introdución dos axustes precisos para maior eficacia da Estratexia na consecución dos seus obxectivos. O primeiro destes plans abarca o período de 2019 a 2023 pero a evolución do contexto internacional e nacional en materia de cambio climático aconsellaron unha avaliación intermedia no programa deste primeiro plan integral.

O Memorando de Entendemento da Coalición Under Two (MOU U2), no que se recoñece que os Gobernos de todos os niveis deben actuar agora para reducir as emisión de GEI co fin de lograr un equilibrio climático a longo prazo. As entidades deben aproveitar as novas tecnoloxías, as políticas, os mecanismos de financiación e os incentivos económicos para reducir as emisións, ao tempo que desenvolven métricas comúns para medir os seus avances. Os Gobernos tamén deben aumentar a resiliencia das infraestruturas e os sistemas naturais aos crecentes impactos climáticos.

A norma trata de elevar o rango do compromiso da Xunta, tanto o expresado na Estratexia como no MOU U2 e, en definitiva, co recollido, con carácter vinculante, no Acordo de París de 2015.

Necesidade e oportunidade da súa aprobación:

Durante a celebración da recente Conferencia das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático de 2021 en Glasgow, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, en nome da Xunta, asinou o Memorando de Entendemento da Coalición Under Two (MOU U2).

Por outra banda, o Parlamento de Galicia, co apoio de todos os grupos parlamentarios, aprobou o 11 de novembro de 2021 unha proposición non de lei na que insta á Xunta de Galicia a:

  1. Aprobar a declaración ante a emerxencia climática en Galicia, co obxectivo primordial de comprometer todas as futuras políticas do Goberno de Galicia, sexa cal sexa a súa cor política, para facer fronte a esta emerxencia que ameaza o noso futuro individual e colectivo.
  2. Comprometerse a activar, coa máxima urxencia, políticas transversais en todas as áreas e accións de Goberno, para acadar a redución das emisións de gases de efecto invernadoiro, así como a neutralidade climática non máis tarde de 2050, de non ser posible facelo antes desde o punto de vista técnico e económico.
  3. Promover o investimento en I+D+i e novas tecnoloxías que impulsen a descarbonización de todos os sectores da economía galega susceptibles de emitir gases de efecto invernadoiro.
  4. Revisar a Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050 para adaptala á consecución dos obxectivos de redución do 55 % de GEI no ano 2030, tal e como marca a Comisión Europea.
  5. Implicarse activamente no Pacto Verde Europeo e nos obxectivos de redución do 55 % de GEI, promovendo decididamente a transición ecolóxica xusta e a integración de Galicia na nova economía verde.

A lei que se propón pretende converter as medidas e accións deseñadas polo Goberno da Xunta en mandato normativo que obrigue aos/ás sucesivos/as titulares da Xunta e que consagre os seguintes principios a ter en conta en calquera dos seus ámbitos competenciais e que teñen incidencia sobre o cambio climático:

  • O principio de precaución en materia de medio ambiente
  • O principio de responsabilidade ambiental
  • O principio de non causar prexuízo significativo a obxectivos medioambientais
  • O principio de transparencia
  • O principio de acceso á información e participación pública
  • O principio de acceso á xustiza en materia de medio ambiente
  • O principio de debida dilixencia medioambiental
  • O principio de sostibilidade 

Galicia converterase na cuarta comunidade española en ter lexislación en materia de clima, despois de Cataluña, Andalucía e Baleares.

Co impulso desta norma preténdese aliñar a política de Galicia co Pacto Verde Europeo e co Acordo de París de 2015.

Obxectivos:

  1. O clima pasará a ter unha consideración prioritaria no marco de calquera outra política sectorial.
  2. Recoñecemento específico do clima, o que non só reflicte a vontade clara de acadar os obxectivos climáticos senón que tamén facilita a planificación e mellora a seguridade dos investimentos.
  3. Recoñecer como obriga legal a ambición climática de acadar a neutralidade no ano 2050. É dicir, que a cantidade de emisións de gases efecto invernadoiro que emita á atmosfera sexa a mesma cantidade de gases que poidan ser absorbidos polos sumidoiros naturais (bosques, mares etc.) ou que sexan compensadas con outras accións.
  4. As políticas, estratexias, plans de acción e lexislación que se produzan dende a publicación da lei terán en conta o seu efecto sobre o cambio climático.
  5. Incluír a preocupación da sostibilidade do sistema social galego a moi longo prazo, responsabilizándose das xeracións futuras, e que se promova un crecemento sosegado e unha transición ordenada pero acelerada.
  6. Prevención dos danos para conseguir un crecemento económico desvinculado das emisións de efecto invernadoiro e mellorar a resiliencia.
  7. Recoller a obrigada planificación en materia de cambio climático, así como os mecanismos de avaliación e información, incluíndo os elementos da Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050 e os sucesivos plans rexionais integrados como elementos de planificación.
  8. Mecanismos de coordinación a nivel nacional e internacional, así como vías de participación da Administración local nas políticas climáticas.
  9. Preverá os mecanismos de participación e cooperación da sociedade galega, a través da Alianza galega polo clima.
  10. Establecerá mecanismos para a recompilación do coñecemento en materia de cambio climático, a nivel internacional, nacional e autonómico.
  11. Crearase o Observatorio de cambio climático e desenvolveranse as actividades estatísticas e as ferramentas de proxección climática que sirvan para monitorizar a evolución do cambio climático en Galicia.
  12. Estableceranse os criterios de contratación pública e presupostación verde.
  13. Recollerá os principios europeos de revisión do gasto público ligado ás políticas de cambio climático e avaliación do impacto económico dos riscos relacionados co clima.
  14. Preverá a incorporación da futura lexislación europea de debida dilixencia en materia medioambiental.

Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:

Tendo en conta que xa existen alternativas non reguladoras, como a Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050 ou a de Economía Circular 2020-2030, estímase que a consideración prioritaria do clima no marco de calquera outra política sectorial e a vontade clara de acadar os obxectivos climáticos só se poden conseguir cunha norma de rango de lei que transcenda a cor política do Goberno de cada momento.

Rango da norma:

Lei

Achegas e opinións recibidas: 10