Decreto polo que se regula o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e a elaboración do Programa Individual de Atención, o recoñecemento do dereito ás prestacións do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia e a organización e funcionamento dos órganos técnicos competentes

Órgano ou entidade impulsora: Secretaría Xeral Técnica

Departamento: Consellería de Política Social - Secretaría Xeral Técnica

Estado actual: Consulta pechada

Prazo no que estivo aberta a consulta: 02/11/2021 - 17/11/2021

Información sobre a norma :

  • Antecedentes:

    A Lei 39/2006, do 14 de decembro, de Promoción da Autonomía Persoal e Atención ás persoas en situación de dependencia regula as condicións básicas de acceso ao denominado Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia (SAAD), configurado cun desenvolvemento dos servizos sociais que complementan a acción protectora dando resposta ás necesidades de atención das persoas en situación de dependencia.

    No ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, no seu artigo 3, formula como un dos obxectivos do Sistema Galego de Servizos Sociais "garantir a vida independente e a autonomía persoal das persoas en situación de dependencia integrando, para estes efectos, o catálogo de prestacións do sistema para a autonomía e atención á dependencia".

    En desenvolvemento da referida normativa, apróbase e publícase o Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, polo que se regula o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do sistema para a autonomía e atención á dependencia, o procedemento para a elaboración do Programa Individual de Atención e a organización e funcionamento dos órganos técnicos competentes, normativa vixente xunto co seu desenvolvemento na Comunidade.

  • Problemas que se pretenden solucionar:

    Coa nova normativa preténdese reducir o número de documentos a achegar xunto coa solicitude, simplificando os trámites a levar a cabo polas persoas interesadas.

    Tamén se pretende unificar nun só procedemento o recoñecemento da situación de dependencia e a elaboración do Programa Individual de Atención, axilizando o acceso aos servizos e prestacións do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia.

  • Necesidade e oportunidade da súa aprobación:

    Resulta necesario avanzar no desenvolvemento da atención e prevención da situación de dependencia para garantir unha maior axilidade e eficacia nos procedementos de valoración da dependencia e da elaboración do Programa Individual de Atención, establecéndose un único procedemento, máis áxil e cunha menor carga burocrática que permita dar unha resposta máis rápida ás demandas da sociedade galega en materia de dependencia.

  • Obxectivos:

    O obxectivo da norma é simplificar o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e para a elaboración do Programa Individual de Atención no que se recoñecen as prestacións económicas e/ou os servizos concedidos, de acordo co establecido na referida Lei 39/2006, do 14 de decembro.

    Así mesmo, abordarase a configuración dos órganos técnicos competentes para a valoración e o asesoramento da dependencia, a coordinación destes, a súa composición e funcións.

  • Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:

    A simplificación do procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e para a elaboración do Programa Individual de Atención require de solución a través da modificación da vixente normativa.

  • Rango da norma:

    Decreto

Achegas e opinións recibidas: 15