-
Antecedentes:
- Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia
- Lei 10/2008, do 3 de novembro, de residuos de Galicia
- Directiva 2008/98/CE do Parlamento Europeo e do Consello, de 19 de novembro de 2008, de residuos, pola que se derrogan determinadas Directivas integrándoas nunha única norma (Directiva marco de residuos), e, recentemente, a Directiva 2018/851 do Parlamento Europeo e do Consello, do 30 de maio de 2018, pola que se modifica a Directiva 2008/98/CE.
- Lei 22/2011, do 28 de xuño, de residuos e solos contaminados
- Plan de Acción para a Economía Circular, deseñado pola Comisión Europea
-
Problemas que se pretenden solucionar:
Existe unha multitude de artigos, tanto da Lei 10/2008, do 3 de novembro, de residuos, como do Decreto 59/2009, do 26 de febreiro, de rastrexabilidade de residuos, que foron derrogados de xeito implícito pola aprobación por parte do Estado de nova normativa básica. Isto implica que o marco xurídico aplicable en Galicia en materia de residuos resulte, ás veces, confuso ou de complexa aplicación e/ou interpretación.
Así mesmo, é importante incorporar medidas lexislativas que modifiquen de xeito significativo o modelo produtivo cara a un modelo de economía circular que facilite este cambio, de forma compatible coas políticas de cambio climático e promovendo o emprego verde e a compra pública verde innovadora.
Entre estas medidas, cómpre destacar a posible inclusión de accións dirixidas á loita contra o desperdicio alimentario e a redución no consumo de produtos plásticos.
-
Necesidade e oportunidade da súa aprobación:
Tras unha década de vixencia da Lei 10/2008, do 3 de novembro, cómpre abordar un novo texto que, partindo da regulación básica estatal, desenvolva de xeito completo e innovador todos os aspectos que inciden na materia, ofrecendo solucións eficaces ás necesidades detectadas no tempo transcorrido, tendo en conta tanto a experiencia acumulada tras estes anos como a evolución normativa do marco xurídico europeo en materia de xestión de residuos.
Por outra parte, ademais da evolución que sufriu o marco xurídico de residuos tanto a nivel europeo como estatal, foron ditadas outras normas sectoriais que afectan a aspectos moi importantes de carácter procedimental e de simplificación e racionalización do sector público autonómico, que poñen de manifesto a necesidade de concretar e matizar certos aspectos que non resultan suficientemente claros, e de modificar e racionalizar certos trámites administrativos, de xeito que o marco normativo sexa claro e efectivo.
Así mesmo, resulta procedente dar respaldo, cunha lexislación adecuada, ás iniciativas impulsadas en economía circular ou cambio climático co obxecto de xerar un crecemento intelixente, sostible e innovador mediante a loita dos posibles impactos ambientais derivada do uso dos recursos a través dun uso eficiente destes.
-
Obxectivos:
Os obxectivos principais da disposición legal son clarificar, unificar e simplificar o réxime que debe resultar de aplicación na Comunidade Autónoma de Galicia en materia de residuos, así como introducir novas medidas que axuden ou favorezan a consecución dos obxectivos impostos pola Unión Europea e a transformación da sociedade galega nunha sociedade impulsora da economía circular. Todo isto no ámbito do exercicio da potestade de desenvolvemento normativo e executiva que deriva das competencias autonómicas.
-
Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:
A alternativa a esta nova regulación sería unha modificación da vixente Lei 10/2008, do 3 de novembro, así como do Decreto 59/2009, do 26 de febreiro, de rastrexabilidade de residuos, pero polos motivos expostos anteriormente considérase procedente abordar un novo texto coa fin de garantir a seguridade xurídica e facilitar o axeitado manexo da norma, no lugar de modificala parcialmente.
-
Rango da norma:
Lei