Lei de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia

Órgano ou entidade impulsora: Dirección Xeral de Emerxencias e Interior

Departamento: Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións públicas e Xustiza - Dirección Xeral de Emerxencias e Interior

Estado actual: Consulta pechada

Prazo no que estivo aberta a consulta: 10/05/2017 - 25/05/2017

Información sobre a norma :

  • Antecedentes:

    A Comunidade Autónoma de Galicia ten competencia exclusiva en materia de espectáculos públicos consonte o establecido na LO 16/1995, do 27 de decembro de transferencia de competencias. Para o pleno exercicio desta competencia, o Real decreto 1640/1996, do 5 de xullo, regula o traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia na devandita materia, e mediante o Decreto 336/1996, do 13 de setembro, asumíronse as funcións e os servizos transferidos.

    Cómpre establecer unha lexislación propia que se adapte ás especiais circunstancias da Comunidade galega e homoxeneíce os distintos aspectos dispersos en diversos regulamentos, así como na LO 4/2015, do 30 de marzo, de protección da seguridade cidadá.

    Debemos ter en conta tamén a Directiva 2006/123/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro, trasposta ao ordenamento xurídico galego mediante a Lei 1/2010, do 11 de febreiro.

  • Problemas que se pretenden solucionar:

    A importancia social e económica das actividades artísticas, culturais e de lecer require dunha regulación específica dos espectáculos públicos e das actividades recreativas que, ademais de garantir a seguridade das persoas e dos bens, a hixiene dos establecementos e a comodidade das persoas usuarias, asegure axeitadamente a compatibilidade entre o dereito ao lecer e o dereito ao descanso da cidadanía.

    Por outra banda, cómpre adaptar o réxime de intervención administrativa previsto na Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia, ás peculiaridades que presenta a materia de espectáculos públicos e actividades recreativas, co fin de identificar con maior claridade e precisión tanto os supostos suxeitos ao mencionado réxime nas súas distintas modalidades como aqueloutras actividades que quedarían exentas da súa aplicación.

  • Necesidade e oportunidade da súa aprobación:

    A Lei de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia é a primeira norma autonómica con rango legal que establece unha regulación xenérica, actualizada e de carácter global desta materia, e enche o baleiro normativo autonómico existente na actualidade. Todo iso co obxecto de acadar un marco normativo axeitado á realidade da sociedade actual e que garanta a protección e a conciliación dos distintos dereitos e intereses que abranguen os espectáculos públicos e as actividades recreativas.

  • Obxectivos:

    Esta lei ten por obxecto establecer, no marco das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, o réxime xurídico dos espectáculos públicos e das actividades recreativas que se celebren en establecementos ou espazos abertos ao público, sempre que se desenvolvan integramente no territorio da Comunidade Autónoma.

  • Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:

    Cómpre establecer unha lexislación propia que se adapte ás especiais circunstancias da Comunidade galega e homoxeneíce os distintos aspectos dispersos en diversos regulamentos.

     

  • Rango da norma:

    Lei

Achegas e opinións recibidas: 1