-
Antecedentes:
A Xunta de Galicia impulsou o Plan de Mercados Excelentes 2016-2020 como unha folla de ruta a seguir polos nosos mercados de cara a conseguir a excelencia. O Plan inclúe unha Guía de boas prácticas, dirixida a ofrecer unha definición dos requisitos, servizos e metodoloxías que debe seguir un mercado para elevar os seus niveis de modernidade e calidade e acadar así a excelencia.
Seguindo estes criterios, pola Orde do 4 de xaneiro de 2017 regúlase o procedemento para a obtención do selo de Mercado Excelente da Comunidade Autónoma de Galicia.
Co obxectivo de recuperar a posición histórica dos mercados e prazas de abastos como motores económicos e de dinamización das nosas vilas e cidades, o Plan Estratéxico do Comercio de Galicia 2025-2030 establece un conxunto de accións dirixidas a impulsar unha Rede de Mercados Excelentes baseada na calidade e proximidade dos seus produtos e servizos, como vantaxe competitiva.
O selo de Mercado Excelente identifica os mercados e prazas de abastos de Galicia que obteñan a condición de excelente polo cumprimento dos requisitos, servizos e modelos de xestión nun nivel óptimo de calidade e modernidade que permita acadar a excelencia.
-
Problemas que se pretenden solucionar:
Revísase a ferramenta de avaliación do anexo II da Orde do 4 de xaneiro de 2017 pola que se regula o procedemento para a obtención do selo de Mercado Excelente da Comunidade Autónoma de Galicia, cuns criterios máis flexibles e sinxelos que permitan a mellora progresiva da calidade, ata acadar a condición de excelente, baseados na recuperación e potenciación das vantaxes, fortalezas e oportunidades específicas de cada un dos mercados e prazas de abastos de acordo coa súa capacidade para crear unha oferta acorde co seu público obxectivo e en función do territorio no que estea localizado.
Así mesmo, incorpórase unha guía de boas prácticas que determina dunha forma obxectiva e verificable o grao dos valores a cubrir na ferramenta de avaliación, facilitando así a autoavaliación e servindo, ao mesmo tempo, de instrumento que pode ser empregado na diagnose da situación e usos do mercado, para determinar que aspectos deben ser mellorados para acadar a excelencia, permitindo que os seus responsables poidan trazar un plan de mellora para progresar no concepto da excelencia.
-
Necesidade e oportunidade da súa aprobación:
Dado o tempo transcorrido dende a aprobación da Orde do 4 de xaneiro de 2017 pola que se regula o procedemento para a obtención do selo de Mercado Excelente na Comunidade Autónoma de Galicia, xorde a necesidade de adecuar esta regulación ás distintas tipoloxías e características dos mercados existentes a fin de flexibilizar e facilitar a obtención do selo.
-
Obxectivos:
Outorgar un novo enfoque ao selo de Mercado Excelente de tal forma que se adapta aos distintos tipos e características dos nosos mercados e serve tamén de instrumento para impulsar un cambio de modelo máis acorde coa sociedade actual e coas tendencias de consumo, en colaboración con todos os axentes que interveñen na actividade comercial local.
-
Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:
O tempo transcorrido dende a publicación da Orde do 4 de xaneiro de 2017 pola que se regula o procedemento para a obtención do selo de Mercado Excelente da Comunidade Autónoma de Galicia e a experiencia acumulada na súa aplicación fan aconsellable afrontar unha modificación da ferramenta de autoavaliación e da guía de boas prácticas, así como revisar e simplificar o procedemento administrativo para a súa obtención. En consecuencia, isto esixe a aprobación dunha nova orde que dea resposta ás novas necesidades xurdidas dende a súa implantación.
-
Rango da norma:
Orde