Decreto polo que se regula o marco galego de microcredenciais para o traballo

Órgano ou entidade impulsora: Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego

Departamento: Consellería de Emprego, Comercio e Emigración - Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego

Estado actual: Consulta pechada

Prazo no que estivo aberta a consulta: 18/03/2025 - 21/04/2025

Información sobre a norma :

  • Antecedentes:

    A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, está a levar a cabo un labor continuo de profundización en políticas públicas dirixidas á implementación de medidas que promovan a adquisición, actualización e adaptación continua das competencias; dentro deste labor, traballar no desenvolvemento destas competencias profesionais configúrase como unha necesidade urxente e indispensable para salvagardar o equilibrio entre a oferta e a demanda no mercado de traballo, fomentar a inclusión e a competitividade económica, e asegurar a capacidade de resposta ante as esixencias dunha contorna laboral en constante transformación.

    A norma obxecto desta consulta pública pretende dar resposta a esta necesidade, estando ademais en liña coa Recomendación do Consello da Unión Europea do 16 de xuño de 2022, relativa a un enfoque europeo das microcredenciais para a aprendizaxe permanente e a empregabilidade, na que se incide na necesidade dun marco que garanta a calidade, transparencia e accesibilidade a estas ferramentas formativas, respondendo á demanda de formas de educación e formación máis flexibles e centradas nas persoas aprendentes.

  • Problemas que se pretenden solucionar:

    A norma obxecto desta consulta pública ten por finalidade establecer mecanismos formativos que sexan áxiles, flexibles e accesibles, capaces de proporcionar á cidadanía as ferramentas necesarias para manterse competitiva nunha contorna laboral en constante cambio, xurdindo as microcredenciais como a resposta máis axeitada a ese desafío, ofrecendo unha formación específica e certificada que permite ás persoas adquirir competencias puntuais que complementen as súas habilidades preexistentes e lles permita adaptarse con rapidez ás esixencias do mercado laboral.

  • Necesidade e oportunidade da súa aprobación:

    Transcorridos xa máis de dous anos desde a publicación da Recomendación do Consello de Europa do 16 de xuño de 2022, relativa a un enfoque europeo das microcredenciais para a aprendizaxe permanente e a empregabilidade, e sen que se teña producido ningunha regulación ao respecto a nivel estatal, a Comunidade Autónoma de Galicia considera necesaria unha regulación a nivel autonómico por entender moi relevante o desafío que temos nas sociedades actuais de actualizar e mellorar os coñecementos, capacidades e competencias da poboación e reducir a fenda entre a súa educación e formación formais e as necesidades dunha sociedade e dun mercado de traballo en rápida evolución. Por iso aprovéitase a oportunidade derivada da devandita Recomendación para abrir novas vías de formación tanto en diferentes maneiras como en diferentes contornas.

  • Obxectivos:

    Nesta norma regularase o marco galego de microcredenciais para o traballo co propósito de responder non só ás demandas actuais e futuras de empregabilidade, senón tamén para consolidar unha reserva estratéxica de talento para fortalecer a competitividade rexional. 

    Con esta base, o decreto obxecto desta consulta pública previa configúrase como un marco normativo pioneiro e adaptable, aliñado tanto cos obxectivos autonómicos como coas directrices europeas de cohesión social e crecemento económico.

  • Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:

    Publicación dun decreto regulador.

  • Rango da norma:

    Decreto

Achegas e opinións recibidas: 4