Orde pola que se regula o procedemento de autorización para a impartición de accións formativas do Sistema de Formación Profesional non financiadas con fondos públicos (código de procedemento TR301R)

Órgano ou entidade impulsora: Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego

Departamento: Consellería de Emprego, Comercio e Emigración - Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego

Estado actual: Consulta pechada

Prazo no que estivo aberta a consulta: 11/11/2024 - 25/11/2024

Información sobre a norma :

  • Antecedentes:

    Orde do 28 de xaneiro de 2022 pola que se regula o procedemento de autorización para a impartición de accións formativas de formación para o emprego non financiadas con fondos públicos (DOG núm. 28, do 10 de febreiro de 2022).

  • Problemas que se pretenden solucionar:

    Adaptar a norma autónomica á nova normativa estatal recollida na Lei orgánica 3/2022, do 31 de marzo, de ordenación e integración da formación profesional, e no Real Decreto 659/2023, do 18 de xullo, polo que se desenvolve a ordenación do Sistema de Formación Profesional, establecendo un novo marco normativo para a formación profesional que modifica substancialmente o anterior marco regulador do sistema.

    Aplicar á norma a elaborar os criterios introducidos por novas disposicións normativas da Unión Europea e da Axencia Española de Protección de Datos en materia de protección de datos persoais.

  • Necesidade e oportunidade da súa aprobación:

    A vixente norma autonómica do 28 de xaneiro de 2022 quedou superada pola entrada en vigor da nova normativa estatal reguladora do Sistema de Formación Profesional. 

    Os métodos de control de presenza e asistencia do alumnado participante nas accións formativas impartidas ao abeiro do disposto na Orde de 28 de xaneiro de 2022 deben modificarse en aplicación de recentes disposicións europeas e estatais en materia de protección de datos persoais.

  • Obxectivos:

    A nova orde ten por obxecto regular, no ámbito do Sistema de Formación Profesional, e dentro das competencias asumidas pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, o procedemento a seguir para a autorización e impartición de accións formativas do grao A, B e C, non financiadas por fondos públicos e conducentes á obtención de certificados profesionais ou, de ser o caso, competencias clave que permitan o acceso á formación antes citada.

  • Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:

    Publicación dunha orde que recolla as modificacións normativas introducidas dende a entrada en vigor da Orde do 28 de xaneiro de 2022.

  • Rango da norma:

    Orde