-
Antecedentes:
O Decreto 156/2022, do 15 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia concretou as intencións do sistema educativo galego para esta etapa educativa, regulando as materias que o alumnado debe cursar en cada un dos niveis da etapa.
A Comisión Europea (CE) e a Rede Internacional de Educación Financeira (INFE) da OCDE, en cooperación cos Estados membros, traballan nun marco de competencia financeira conxunto UE/OCDE-INFE para nenas e nenos e a mocidade, que se preve estea finalizado no ano 2023 e que se deseña cunhas liñas similares ás do Marco de competencias financeiras para adultos na Unión Europea que foi publicado no ano 2022.
-
Problemas que se pretenden solucionar:
Preténdese que o Decreto 156/2022, do 15 de setembro, dea resposta á necesidade de desenvolver competencias financeiras na mocidade galega a través da configuración do currículo dunha materia optativa, así como axustar a norma para poder adaptarse á incorporación doutros coñecementos ou competencias.
-
Necesidade e oportunidade da súa aprobación:
Os rápidos cambios e as demandas sociais fan necesario que a normativa educativa galega estea preparada para poder incorporar outros coñecementos ou competencias que dean resposta ás necesidades da poboación e, especialmente, da mocidade.
-
Obxectivos:
Concretar determinados aspectos da ordenación e o currículo das materias optativas na etapa da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia que abran a posibilidade da incorporación, nun futuro, de novos coñecementos e definir o currículo dunha materia optativa cuxo obxectivo sexa desenvolver competencias financeiras.
-
Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:
Na Disposición derradeira segunda do Decreto 156/2022, do 15 de setembro, facúltase á persoa titular da consellería con competencias en materia de educación para ditar cantas disposicións sexan precisas no relativo ao desenvolvemento do Decreto.
Polo tanto, considérase que para cumprir o mandato normativo a mellor alternativa é desenvolvelo a través dunha norma con rango de decreto.
-
Rango da norma:
Decreto