Decreto polo que se establece a ordenación e o currículo do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia

Órgano ou entidade impulsora: Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional

Departamento: Consellería de Cultura, Educación e Universidade - Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional

Estado actual: Consulta pechada

Prazo no que estivo aberta a consulta: 08/04/2022 - 22/04/2022

Información sobre a norma :

  • Antecedentes:

    A Lei orgánica 3/2020, de 29 de decembro, pola que se modifica a Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, introduciu modificacións na regulación do currículo e da ordenación das distintas etapas educativas, entre outras, da etapa de bacharelato.

    En desenvolvemento das referidas modificacións introducidas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, o Real Decreto 243/2022, do 5 de abril, estableceu a ordenación e as ensinanzas mínimas do bacharelato.

  • Problemas que se pretenden solucionar:

    Establecer, para o sistema educativo galego, a ordenación e o currículo das ensinanzas de bacharelato regulando e establecendo as correspondentes relacións entre os distintos elementos curriculares conforme ás competencias correspondentes en materia educativa e ao Real Decreto 243/2022, do 5 de abril, polo que se establece a ordenación e as ensinanzas mínimas do bacharelato.

  • Necesidade e oportunidade da súa aprobación:

    Cumprir o calendario de implantación establecido na disposición derradeira cuarta do Real Decreto 243/2022, do 5 de abril, polo que se establecen a ordenación e as ensinanzas mínimas do bacharelato, que regula que o disposto no real decreto se implantará para o primeiro curso de bacharelato no ano académico 2022-2023, e para segundo de bacharelato no curso 2023-2024.

  • Obxectivos:

    Establecer a ordenación e o currículo da etapa de bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia.

  • Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:

    O artigo 6.5 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación establece que as Administracións educativas establecerán o currículo das distintas ensinanzas reguladas na Lei.

    O Real Decreto 243/2022, do 5 de abril, polo que se establecen a ordenación e as ensinanzas mínimas do bacharelato, estableceu a implantación do primeiro curso de bacharelato no ano académico 2022-2023, e para o segundo de bacharelato no curso 2023-2024.

    En Galicia, os currículos das distintas etapas educativas en desenvolvemento das derradeiras leis educativas sempre se publicaron en normas con rango de decreto.

    Polo anterior, considérase que non hai alternativa mellor que a proposta para cumprir o mandato normativo.

  • Rango da norma:

    Decreto