Decreto polo que se regulan as federacións deportivas de Galicia
Órgano ou entidade impulsora: Secretaría Xeral para o Deporte
Departamento: A Presidencia da Xunta - Secretaría Xeral para o Deporte
Estado actual: Consulta pechada
Prazo no que estivo aberta a consulta: 14/01/2021 - 29/01/2021
Información sobre a norma :
Antecedentes:
A Lei do deporte de Galicia regula no título IV os axentes da actividade deportiva recollendo no seu capítulo II as entidades deportivas. Outorga esta consideración aos clubes deportivos, ás agrupacións deportivas escolares, ás seccións deportivas e ás federacións deportivas, dedicando a sección 3ª, en exclusiva, a regular as federacións deportivas galegas como entidades privadas, sen ánimo de lucro, con personalidade xurídica propia e plena capacidade de obrar, cuxo ámbito de actuación se estende ao territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, que exercen unha dualidade de funcións, as propias e privadas e as públicas delegadas pola Lei.
Problemas que se pretenden solucionar:
A día de hoxe faise necesaria unha norma que desenvolva as disposicións legais reguladoras das federacións deportivas galegas na busca de dotar a estas e aos seus integrantes (clubs, deportistas, adestradores/as e árbitros/as) dun marco xurídico concreto, estable e detallado, que permita a todo o entramado do deporte federado exercer os seus dereitos e, ao mesmo tempo, se lle poida esixir o cumprimento de obrigas e deberes derivados da súa integración na entidade federativa.
Necesidade e oportunidade da súa aprobación:
As entidades deportivas que configuran o tecido asociativo deportivo da Comunidade Autónoma de Galicia aparecen configuradas en distintas formas, sendo as federacións deportivas galegas as únicas que teñen atribuídas, en virtude dunha disposición con rango de Lei, o exercicio de funcións delegadas pola Administración pública autonómica, o que fai preciso que dispoñan dun marco xurídico claro que reflicta o alcance e consecuencias desa atribución.
Obxectivos:
Desenvolver a Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia con respecto á formación dunha federación deportiva, das funcións das federacións deportivas galegas, dos membros das federacións deportivas galegas, dos estatutos e regulamentos das federacións deportivas, da estrutura orgánica das federacións deportivas galegas, dos réximes das federacións deportivas galegas e sobre a extinción das federacións deportivas galegas.
Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:
A día de hoxe soamente se contempla como solución a aprobación do decreto.
Rango da norma: