Decreto polo que se crea a Rede Galega de Música ao Vivo e se establecen as súas normas de funcionamento
Órgano ou entidade impulsora: Axencia Galega das Industrias Culturais
Departamento: Consellería de Cultura e Turismo - Axencia Galega das Industrias Culturais
Estado actual: Consulta pechada
Prazo no que estivo aberta a consulta: 31/01/2019 - 20/02/2019
Información sobre a norma :
Antecedentes:
A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) é unha entidade de dereito público con personalidade xurídica propia, patrimonio propio e autonomía na súa xestión, que ten por obxecto o impulso e a consolidación do tecido empresarial no sector cultural galego, segundo nos artigos terceiro, cuarto e quinto da Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia das Industrias Culturais. A estes efectos establece igualmente no seu artigo quinto que é función da Agadic promover a distribución dos produtos culturais do noso país, fomentando a creación de públicos e facilitando o acceso da cultura galega a novos mercados.
O obxecto deste decreto é, dentro das funcións que lle veñen atribuídas a Agadic pola súa normativa de creación, aprobada pola Lei 4/2008, do 23 de maio, establecer e propiciar programacións estables nas salas de titularidade privada integradas na Rede Galega de Música ao Vivo co obxecto de promover a difusión de grupos musicais galegos, así como abrir novos mercados para a música, a través dunha normativa de funcionamento.
Problemas que se pretenden solucionar:
A Agadic ten como un dos seus obxectivos a promoción e difusión das artes escénicas e musicais dentro e fóra da nosa comunidade; un dos xeitos de realizar esta función é cofinanciar coas salas privadas de música actuacións para achegar á cidadanía unha oferta variada de música realizada en Galicia.
Por esta razón a Agadic leva máis de dez anos promocionando as actuacións musicais a través da Rede Galega de Música ao Vivo.
Transcorrido este tempo é imprescindible dotar a Rede dunha categoría normativa que permita, tanto aos grupos participantes como ás salas, ter a seguridade xurídica necesaria para o funcionamento do programa.
Necesidade e oportunidade da súa aprobación:
Agadic é consciente de que a Rede Galega de Música ao Vivo é unha ferramenta imprescindible para, por unha banda, dar visibilidade a propostas musicais galegas e, por outra, dar estabilidade a programacións no ámbito musical en salas privadas. Por estes motivos é necesaria unha regulación xurídica, non só para dotala da debida protección xurídica, senón tamén para establecer unhas bases e condicións para pertencer á Rede.
Obxectivos:
Este decreto ten por obxecto, dentro das funcións que lle veñen atribuídas á Agadic pola súa normativa de creación, aprobada pola Lei 4/2008, do 23 de maio, establecer e propiciar programacións estables nas salas de titularidade privada integradas na Rede Galega de Música ao Vivo co obxecto de promover a difusión de grupos musicais galegos, así como abrir novos mercados para a música, a través dunha normativa regulada de funcionamento.
Rango da norma: