Plan director da construción naval 2025-2027

Os plans directores son instrumentos de política industrial que teñen como fin fortalecer os sectores industriais estratéxicos declarados como tales no Consello da Xunta, mediante medidas e recursos que aseguren un crecemento sostible e competitivo.

Imaxe asociada a Plan director da construción naval 2025-2027

O 29 de febreiro do 2024 acordouse no Consello da Xunta de Galicia a declaración do sector da construción naval como industrial estratéxico, a proposta da Consellería de Economía e Industria. Os datos de facturación e emprego industrial avalan a importancia estratéxica dun sector que se posiciona como un piar fundamental para o desenvolvemento doutras actividades como o transporte de mercadorías, o aproveitamento de recursos de orixe mariña ou o turismo. 

O plan director da construción naval 2025-2027 elaborouse partindo dun enfoque colaborativo e participativo, o que garante a conexión entre as prioridades sectoriais que conforman o plan e as necesidades reais do sector. Estrutúrase en 2 obxectivos estratéxicos, 5 eixos e 7 ámbitos: internacionalización, dixitalización, sostibilidade, competitividade e innovación, investimentos, persoas, e infraestruturas e solo empresarial.

Este plan vai contar cun sistema de seguimento e análise continua do seu impacto, o que permitirá a súa adaptación e, de ser o caso, redefinición, o que se plasmará nas futuras actualizacións e modificacións do plan que se consideren necesarias.

O plan director da construción naval aprobouse no Consello da Xunta o 24 de marzo do 2025. O artigo 65 do Texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2015, de 12 de febreiro, detalla o procedemento de elaboración e aprobación dos plans directores dos distintos sectores industriais e, concretamente, o punto 8 deste artigo sinala que, tras a súa aprobación no Consello da Xunta de Galicia, os plans directores serán publicados no Portal de transparencia e goberno aberto da Xunta de Galicia.

Data de aprobación polo Consello da Xunta: 24/03/2025