O 29 de febreiro do 2024 acordouse no Consello da Xunta de Galicia a declaración do sector da automoción como industrial estratéxico, a proposta da Consellería de Economía e Industria. Os datos de facturación, exportacións e emprego industrial avalan a importancia estratéxica dun sector que conta cunha das cadeas de valor máis completas de Europa.
O plan director de automoción 2025-2027 elaborouse partindo dun enfoque colaborativo e participativo, o que garante a conexión entre as prioridades sectoriais que conforman o plan e as necesidades reais da automoción. Estrutúrase en 2 obxectivos estratéxicos, 5 eixes e 7 ámbitos: internacionalización, dixitalización, sostibilidade, competitividade e innovación, investimentos, persoas, e infraestruturas e solo empresarial.
Este plan vai contar cun sistema de seguimento e análise continua do seu impacto, o que permitirá a súa adaptación e, de ser o caso, redefinición, o que se plasmará nas futuras actualizacións e modificacións do plan que se consideren necesarias.
O plan director de automoción aprobouse no Consello da Xunta o 17 de marzo do 2025. O artigo 65 do Texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2015, de 12 de febreiro, detalla o procedemento de elaboración e aprobación dos plans directores dos distintos sectores industriais e, concretamente, o punto 8 deste artigo sinala que, tras a súa aprobación no Consello da Xunta de Galicia, os plans directores serán publicados no Portal de transparencia e goberno aberto da Xunta de Galicia.
Data de aprobación polo Consello da Xunta: 17/03/2025