O II Programa Galego de Muller e Ciencia está concibido como unha estratexia transversal na que se integrarán todos os esforzos dos departamentos que compoñen a Unidade de Muller e Ciencia. Preséntase estruturado en tres bloques.
Por unha banda, a análise-diagnóstico, na que se reflicten as políticas e iniciativas europeas, estatais e autonómicas no ámbito da igualdade de xénero e a investigación; a situación das persoas no sistema galego de ciencia, tecnoloxía e innovación, así como os procesos e procedementos de traballo.
O segundo bloque é a estratexia de actuación, núcleo central do programa, que recolle, de forma estruturada e xeral, os contidos para desenvolver durante a súa vixencia para reducir as fendas de xénero e avanzar cara á igualdade de mulleres e homes. A estratexia prevé tres eixos:
- Eixo 1. Cambio institucional e organizacional. Este eixo ten o obxectivo xeral de conseguir o compromiso das institucións implicadas no sistema galego de ciencia, tecnoloxía e innovación para a integración do principio de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes. Ademais, define tamén dous obxectivos específicos: consolidar a integración da perspectiva de xénero como principio reitor do sistema galego de ciencia, tecnoloxía e innovación; e reducir a influencia dos estereotipos de xénero mediante accións de sensibilización á sociedade en xeral, e en particular no ámbito educativo, con actividades de divulgación científica.
- Eixo 2. Presenza equilibrada no sistema de ciencia, tecnoloxía e innovación. O obxectivo xeral é equilibrar a presenza de mulleres e homes no sistema galego de ciencia, tecnoloxía e innovación tanto nas áreas de coñecemento como nos postos de responsabilidade. En concreto, reducir a segregación horizontal e vertical que se produce no mundo da investigación, ciencia e tecnoloxía, así como mellorar a visibilidade do traballo e a achega das mulleres ao mundo da ciencia, tecnoloxía e innovación impulsando referentes femininos.
- Eixo 3. Perspectiva de xénero en procesos e procedementos de traballo. Busca integrar o principio de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes en cada fase da produción, transferencia e aplicación do coñecemento.
Por último, o terceiro bloque do programa é o sistema de xestión e seguimento, no que se prevé a programación anual das accións que se van desenvolver en cada exercicio e o sistema de seguimento e avaliación.