Obxecto:
con esta modificación da estrutura directiva das áreas sanitarias do Servizo Galego de Saúde poténciase a atención primaria, facendo que as direccións de atención primaria pasen a depender directamente das súas xerencias. Ademais, para reforzar a súa orientación comunitaria pasarán a denominarse direccións de atención primaria e comunitaria. Tamén se reforza o papel das direccións de enfermaría, que se denominarán direccións de enfermaría e coidados e tamén dependerán directamente das xerencias.
Como consecuencia das medidas anteriores, e para reforzar as funcións de coordinación das xerencias das sete áreas sanitarias, créase a figura da vicexerencia en cada unha delas, desaparecendo as actuais direccións asistenciais. Tamén se realizan algúns axustes no nivel das subdireccións das áreas sanitarias.
Outra medida relevante é a creación do Centro de Protonterapia de Galicia como unidade asistencial de alta especialización chamada a prestar os seus servizos para o conxunto do Sistema público de saúde de Galicia, así como para outros servizos de saúde. O centro contará cun posto directivo específico e desenvolverá as súas funcións de acordo cos criterios de planificación e directrices de actuación que determine a consellería de Sanidade a través da Xerencia do Servizo Galego de Saúde, aínda que, pola súa ubicación, o centro quedará integrado organicamente na estrutura da área sanitaria de Santiago de Compostela e A Barbanza.