Lei 2/2025, do 2 de abril, para o desenvolvemento e o impulso da intelixencia artificial en Galicia

Órgano ou entidade tramitadora: Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

Departamento: Consellería de Facenda e Administración Pública - Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega)

Inicio da tramitación: 06/12/2023

Data da publicación no DOG: 04/04/2025

Obxecto:

o anteproxecto ten dúas finalidades principais. Por unha banda, dar seguridade á cidadanía e ás empresas sobre as que se vai garantir un uso seguro e ético da Intelixencia Artificial (IA) e, por outra, atraer investimentos vencellados a este eido. Garante que un ser humano supervise os procedementos en que se empregue a intelixencia artificial sempre que o requiran. Ademais, os sistemas de IA empregados no sector público autonómico deberán ser auditables, rastrexables e entendidos por todas as persoas e estarán accesibles nun rexistro público, que recollerá toda a información do seu ciclo de vida, desde o deseño ata a desactivación. O emprego da IA estará orientado a ofrecer unha atención personalizada á cidadanía que teña en conta as circunstancias e necesidades de cada persoal.

Tamén recolle a creación do comisionado en IA, que será o encargado de velar polos intereses da cidadanía e polos valores éticos dos sistemas. Os proxectos de IA serán seguidos pola Oficina de Intelixencia Artificial, de nova creación. Establécese así mesmo a creación do Consello Galego de Intelixencia Artificial, como foro estratéxico formado por membros da Administración autonómica, as universidades, os colexios profesionais e o sector tecnolóxico.

O anteproxecto recollerá tamén unha serie de medidas para consolidar a Galicia como rexión de referencia en Europa de IA, contando cunha serie de apoios económicos específicos para as empresas tecnolóxicas que fomenten o seu desenvolvemento, fomentando o investimento empresarial en solucións de intelixencia artificial e fondos de apoio á I+D+i neste ámbito, e impulsando programas de apoio á formación do tecido produtivo.

Estado actual: Aprobada e publicada no DOG

Suxestións recibidas: 12