A Lei 1/2015, do 1 de abril, de garantía da calidade dos servizos públicos e da boa administración, establece no seu artigo 20 que a política de xestión da calidade da Comunidade Autónoma de Galicia se concretará a través dun plan xeral de xestión e mellora da calidade dos servizos do sector público autonómico de Galicia que será aprobado polo Consello da Xunta de Galicia. 
En consecuencia, o 4 de marzo de 2021, o Consello da Xunta de Galicia aprobou o Plan xeral de xestión e mellora da calidade dos servizos do sector público autonómico de Galicia 2021-2023. Logo de rematada a vixencia deste plan, cómpre aprobar o novo Plan xeral de xestión e mellora da calidade dos servizos do sector público autonómico de Galicia 2024-2027, que, partindo das accións xa executadas no plan anterior, lle dea un novo impulso á mellora da calidade dos servizos públicos da Xunta de Galicia.
Este plan abarca o período 2024-2027, establecendo unha serie de medidas en cada un dos eixes que se planifican ao longo deste período, e será obxecto de seguimento a través da Comisión Interdepartamental de Información e Avaliación, que elaborará, dentro do primeiro trimestre de cada ano, un informe que será publicado no Portal de Transparencia e Goberno aberto e no Barómetro da calidade dos servizos públicos.