Participación infantil e xuvenil
Neste apartado promóvese a cultura participativa da xuventude mediante a difusión de programas participativos e a posta a disposición de canles de participación dirixidas á mocidade.
Programas participativos dirixidos á xuventude
Neste apartado poden consultarse diversos programas participativos dirixidos á xuventude.
Iniciativa Xove
É un programa da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado que consiste nunha liña de axudas pensada para que os mozos e as mozas poidan desenvolver ideas que, transformadas en proxectos e iniciativas de interese, poidan reverter na mocidade actual e na nosa sociedade.
Erasmus +
Erasmus+ é un programa da Unión Europea para o período 2021-2027, e dá continuidade ao programa anterior, que ten como obxectivo xeral apoiar, a través da aprendizaxe, o desenvolvemento educativo, profesional e persoal das persoas contribuíndo ao crecemento sostible, ao emprego, á cohesión social e ao fortalecemento da identidade europea e a cidadanía activa nunha sociedade en cambio cada vez máis móbil, multicultural e dixital.
Procesos participativos
Procesos participativos abertos
Neste apartado pode accederse aos procesos participativos dirixidos á mocidade que se atopan abertos na actualidade.
Procesos participativos pechados
Neste apartado poden consultarse os últimos procesos participativos dirixidos á mocidade nos que xa finalizou o prazo de participación.
- Proceso de elaboración do Plan Estratéxico de Xuventude de Galicia 2022-2027
- Estratexia de Xuventude
- Proxecto de decreto polo que se modifica o Decreto 43/2019, do 11 de abril, polo que se crea e regula o Observatorio Galego da Familia e da Infancia
- Decreto polo que se crea o Consello Autonómico de Participación da Infancia e Adolescencia na Comunidade Autónoma de Galicia e se establece o seu réxime de funcionamento
Participación nos centros educativos
Activistas polo mundo que queremos
O Programa Activistas polo mundo que queremos, enmarcado no Plan Proxecta, ten como obxecto concienciar o alumnado sobre algunhas das principais desigualdades globais (medio ambiente, xénero, migración etc.) e como eles e elas poden facer algo para reverter esta situación.
Donas de si
O Programa Donas de si, enmarcado no Plan Proxecta, ten como obxecto visibilizar e pór en valor a participación e produción das mulleres como pezas fundamentais na configuración e no desenvolvemento da sociedade galega contemporánea, de xeito que se recoñeza o seu papel político, social, artístico, científico e cultural e se supere a visión tradicional que presenta as súas achegas como puramente anecdóticas ou secundarias.
Paisaxe e Sustentabilidade
O Programa Paisaxe e Sustentabilidade, enmarcado no Plan Proxecta, ten como obxecto desenvolver coñecementos e recursos para comprender e interpretar as paisaxes próximas e cotiás a través dos seus elementos constitutivos, da súa diversidade e do seu valor cultural e simbólico, para desenvolver unha actitude responsable no marco da sostibilidade e para desenvolver propostas que melloren a súa calidade.
Proxecto Terra
O Programa Proxecto Terra, enmarcado no Plan Proxecta, ten como obxecto crear poboación crítica e propositiva sobre o noso medio construído para acadar unhas mellores condicións de vida para todas as persoas, atendendo á premisa do Dereito ao Hábitat.
Proxecto Ríos
Proxecto Ríos, enmarcado no Plan Proxecta, é un programa de educación e voluntariado ambiental promovido por Augas de Galicia e a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, impulsado e coordinado por Adega, que pretende involucrar a cidadanía na conservación dos ecosistemas fluviais.
Escola Verde
O Programa Escola Verde, enmarcado no Plan Proxecta, ten como obxecto acadar cambios de comportamento e fomentar actitudes responsables co medio ambiente, promovendo a participación activa na mellora do medio e fomentando actitudes ambientais responsables na comunidade escolar.
Parlamento Xove
O Programa Parlamento Xove, enmarcado no Plan Proxecta, ten como obxecto fomentar a conciencia democrática e o respecto polas opinións dos/as demais.
Rede de Centros Escolares Solidarios
O Programa Rede de Centros Escolares Solidarios, enmarcado no Plan Proxecta, ten como obxecto fomentar a acción voluntaria, o coñecemento e a adquisición de habilidades por parte do alumnado participante que impliquen un compromiso coa realidade social coa que conviven e coas entidades que teñen máis preto implicadas na mellora social comunitaria.
Voluntariado miúdo: Móvete!
O Programa Voluntariado miúdo: Móvete!, enmarcado no Plan Proxecta, ten como obxecto promover os valores da cultura solidaria e a adquisición de competencias fundamentais para o alumnado a través de proxectos de acción voluntaria cun impacto directo no seu ámbito de actuación e na dinámica educativa do centro.
Proxectos de innovación educativa en dinamización lingüística
O programa Proxectos de innovación educativa en dinamización lingüística, enmarcado no Plan Proxecta, ten como obxecto fomentar o desenvolvemento de proxectos educativos innovadores que impliquen o uso da lingua galega e que garantan unha plena competencia comunicativa neste idioma.
Proxectos de Vida Activa e Deportiva
O programa, enmarcado no Plan Proxecta, consiste en deseñar, executar e avaliar un proxecto relacionado cos hábitos de vida activa e saudable, buscando o incremento diario de actividade física que realiza o alumnado, tanto dentro como fóra do centro, e a medición do impacto que ten este incremento da carga de actividade física realizada na saúde dos/as escolares.
Correspondentes xuvenís
O programa Correspondentes xuvenís, enmarcado no Plan Proxecta, pretende contar cunha "antena informativa" en cada centro educativo. Será alumnado que se responsabilice de recoller a información que se lles envíe desde o departamento de Xuventude da Xunta de Galicia, Espazo Xove ou OMIX do seu concello e de difundila entre o resto do alumnado do centro, contando co apoio do persoal do centro coordinador de información xuvenil e co profesorado participante no programa. A participación neste programa, estendido tamén ao ámbito universitario, pode facerse tamén por fóra do Plan Proxecta.
Pasaporte solidario
O programa, enmarcado no Plan Proxecta, consiste en permitir ao alumnado elaborar un itinerario de actividades de voluntariado consistente na achega de diversas actuacións solidarias que poderán cubrir, a petición do centro, nun pasaporte solidario físico.
Educación en dereitos da infancia e cidadanía global
O programa Educación en dereitos da infancia e cidadanía global, enmarcado no Plan Proxecta, ten como obxecto promover a participación activa do alumnado para coñecer como integrar os dereitos da infancia na realidade do centro educativo.
Asociacionismo xuvenil
A Lei 6/2012, do 19 de xuño, de xuventude de Galicia establece que as administracións públicas fomentarán a participación da mocidade no seu sentido máis amplo para así lexitimar e dotar de maior coherencia as políticas de mocidade, adaptándoas á realidade xuvenil de cada momento, debendo fomentar o diálogo entre as institucións e a mocidade para contribuír ao desenvolvemento individual e colectivo, tratando ademais de renovarse constantemente. As asociacións xuvenís son unha forma máis de expresión, de participación activa na sociedade. Neste apartado ofrécese información sobre a creación e o réxime destas asociacións xuvenís.
Rede Galega de Dinamización Xuvenil
É un programa da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado que busca salvar a distancia existente entre a Administración e os mozos e mozas, creando un servizo de asesoramento e unha canle de difusión adecuados para todos os recursos que dende a Xunta de Galicia se poñen a disposición da poboación máis nova. Pode visitarse neste apartado.
Rede Galega de Información Xuvenil
Está composta por todas as oficinas de información destinadas á mocidade espalladas por toda Galicia, entre as que destacan os Espazos Xoves, como centros de difusión da información para a xuventude dependentes da Consellería de Política Social, e tamén as oficinas municipais de información xuvenil (OMIX). O seu obxectivo é coordinar os esforzos e iniciativas en materia de xuventude, promovidos tanto por organismos privados como por organismos públicos. Pode visitarse aquí.