Decreto polo que se crea e regula o Consello Galego de Persoas Maiores

Órgano ou entidade impulsora: Dirección Xeral de Promoción da Igualdade

Departamento: Consellería de Política Social e Igualdade - Dirección Xeral de Promoción da Igualdade

Estado actual: Consulta pechada

Prazo no que estivo aberta a consulta: 26/05/2026 - 09/06/2026

Información sobre a norma :

  • Antecedentes:

    A Constitución española, no seu artigo 50, establece que os poderes públicos promoverán o benestar das persoas maiores mediante un sistema de servizos sociais que atenda as súas necesidades específicas en materia de saúde, vivenda, cultura e lecer.

    Así mesmo, o artigo 4.2 do Estatuto dispón que corresponde aos poderes públicos galegos promover as condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e dos grupos nos que se integra sexan reais e efectivas, remover os obstáculos que impidan ou dificulten a súa plenitude e facilitar a participación de todos os galegos e galegas na vida política, económica, cultural e social.

    Neste mesmo sentido, a Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia sinala no seu artigo 4.i) a participación como un dos principios inspiradores do sistema galego de servizos sociais e prevé que os poderes públicos promovan a participación das persoas usuarias, das súas familias, dos grupos sociais e das entidades representativas das persoas ou colectivos destinatarios dos servizos sociais, tanto na planificación como no deseño e seguimento das actuacións públicas.

  • Problemas que se pretenden solucionar:

    Galicia conta cunha poboación maior cada vez máis numerosa e cun peso social moi relevante. Esta realidade fai necesario reforzar os mecanismos de participación deste colectivo nas políticas públicas que lles afectan, especialmente en ámbitos como os servizos sociais, a atención sociosanitaria, a autonomía persoal, a accesibilidade, a participación social, a cultura, o lecer e o envellecemento activo.

    A participación das persoas maiores e das entidades que as representan prodúcese de maneira dispersa, sen unha canle estable que permita recoller de forma ordenada as súas necesidades, propostas e preocupacións.

  • Necesidade e oportunidade da súa aprobación:

    A aprobación deste decreto resulta necesaria para crear unha canle estable, ordenada e permanente de participación das persoas maiores nas políticas públicas que lles afectan. O Consello Galego de Persoas Maiores permitirá que a Administración autonómica conte cun órgano específico de consulta e asesoramento, no que poidan trasladarse propostas, necesidades e recomendacións desde a perspectiva das propias persoas maiores e das entidades que as representan.

    A súa aprobación resulta oportuna pola relevancia social e demográfica das persoas maiores en Galicia e pola conveniencia de reforzar a súa presenza nos espazos de participación pública.

  • Obxectivos:

    • Crear o Consello Galego de Persoas Maiores como órgano colexiado de carácter consultivo, de participación e de asesoramento nas materias que afecten ás persoas maiores.
    • Facilitar a colaboración e a participación activa das persoas maiores e das entidades que as representan nas políticas públicas que lles afecten.
    • Promover o asociacionismo, a colaboración entre entidades representativas das persoas maiores e a cooperación entre as Administracións públicas e os axentes vinculados ao ámbito das persoas maiores.
    • Fomentar o envellecemento activo, a solidariedade interxeracional, a accesibilidade, a igualdade entre mulleres e homes, a transparencia e a representatividade no deseño e seguimento das políticas públicas dirixidas ás persoas maiores. 
  • Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:

    Coa nova normativa preténdese crear o Consello Galego de Persoas Maiores como órgano colexiado de carácter consultivo, de participación e de asesoramento nas materias que afecten ás persoas maiores, garantindo unha participación estable e permanente das persoas maiores e entidades que as representan.

  • Rango da norma:

    Decreto

Achegas e opinións recibidas: 9