Decreto polo que se aproba a creación do Rexistro Galego de Autorizacións e Concesións no Dominio Público Marítimo-Terrestre

Órgano ou entidade impulsora: Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático

Departamento: Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático - Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático

Estado actual: Consulta pechada

Prazo no que estivo aberta a consulta: 24/02/2026 - 24/03/2026

Información sobre a norma :

  • Antecedentes:

    Sobre a base das competencias autonómicas en materia de ordenación do territorio e do litoral (artigo 27.3 do EAG) aprobouse a Lei 4/2023, do 6 de xullo, de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia, que se fundamenta, ademais, noutros títulos competenciais cando as súas previsións se proxectan sobre o mar, tales como a competencia exclusiva da Comunidade Autónoma sobre a pesca nas rías e nas demais augas interiores, o marisqueo e a acuicultura (artigo 27.15 do EAG) e sobre os portos autonómicos (artigo 27.9 do EAG), a competencia para o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación do Estado en materia de ordenación do sector pesqueiro (artigo 28.5 do EAG) e portos pesqueiros (artigo 28.6 do EAG), ou a competencia de execución da lexislación do Estado en materia de salvamento marítimo (artigo 20.3 do EAG) e verteduras industriais e contaminantes nas augas territoriais do Estado correspondentes ao litoral galego (artigo 29.4 do EAG), por citar os títulos máis significativos. Débense engadir á anterior relación as competencias que lle corresponden á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de ambiente, que foron progresivamente perfiladas polo Tribunal Constitucional na interpretación do artigo 149.1.23 da Constitución española, que atribúe ao Estado a competencia exclusiva para ditar a «lexislación básica sobre a protección do ambiente, sen prexuízo das facultades das comunidades autónomas de estableceren normas adicionais de protección», e da asunción estatutaria das competencias, como a realizada no artigo 27.30 do Estatuto de autonomía de Galicia, ao recoñecer a competencia exclusiva da materia «normas adicionais sobre protección do ambiente e da paisaxe nos termos do artigo 149.1.23». 

    Como indica a exposición de motivos da Lei 4/2023, do 6 de xullo, «A integración exixe superar a visión sectorializada do litoral, en prol dunha xestión que tome en consideración os diversos usos e as actividades económicas que se proxectan e desenvolven no litoral, os diversos riscos e as ameazas que afecten os ecosistemas mariño-costeiros, así como as distintas administracións que concorran na súa ordenación e xestión, isto é, adoptar un enfoque integrado na xestión do litoral. É precisamente a aspiración de alcanzar unha xestión integrada do litoral a que exixe unha regulación como a presente, que distingue os espazos, os suxeitos e as actividades, mais sen esquecer que o litoral é unha entidade única e continua que require de regras de ordenación coherentes e de accións coordinadas».

    A Lei dedica o capítulo V do seu Título III Usos e actividades no litoral ao réxime de intervención administrativa, isto é, aos diferentes títulos de intervención esixibles para levar a cabo os usos e as actividades que se declaran compatibles cos obxectivos de ordenación en cada unha das tres áreas de zonificación (área de protección ambiental, área de mellora ambiental e paisaxística e área de reordenación) aspirando a simplificar a tramitación a través dun procedemento integrado, a dar seguridade xurídica ás persoas usuarias do litoral e a establecer as condicións de outorgamento, desenvolvendo, cando for preciso, a normativa básica estatal e dando o protagonismo que lle corresponde á Administración xeral da Comunidade Autónoma, con respecto ao marco constitucional, á normativa de costas e do medio mariño e ás facultades que lle corresponden ao Estado na súa condición de titular do dominio público marítimo-terrestre.

    Cómpre destacar que o outorgamento das autorizacións e das concesións do dominio público marítimo-terrestre é competencia da Administración autonómica a partir do momento en que se produciu o efectivo traspaso de funcións e servizos polo Estado, o pasado 1 de xullo de 2025. 

    Neste senso, o artigo 48.5 da Lei 4/2023, establece que o Consello da Xunta aprobará a creación do Rexistro de Autorizacións e Concesións no Dominio Público Marítimo-Terrestre, no que deberán inscribirse de oficio os títulos e as súas modificacións, así como, de ser o caso, os seus pregos de condicións. Este rexistro terá carácter público e, polo tanto, será accesible e susceptible de emitir unha certificación sobre o seu contido.

  • Problemas que se pretenden solucionar:

    Pese a que a Lei estatal básica de Costas establece que a Administración competente levará, actualizado, o Rexistro de usos do dominio público marítimo-terrestre no que se inscribirán de oficio as reservas, adscricións e concesións, así como as autorizacións de vertidos contaminantes, e que o Real Decreto 876/2014, do 10 de outubro, que a desenvolve, tamén o sinala, a Administración do Estado non chegou a aprobar nin a facer público o instrumento a través do cal se poida acceder a toda a información relativa aos usos do dominio público marítimo terrestre, motivo polo cal a Xunta de Galicia aposta pola transparencia e pretende aprobar un rexistro público, accesible por toda a cidadanía, no que se poida acceder a todos os datos de necesarios para identificar e mesmo solicitar certificacións sobre as autorizacións e concesións relativas aos devanditos usos. 

    Este novidoso rexistro, previsto na Lei 4/2023, do 6 de xullo, de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia, permitirá o acceso das persoas interesadas á información básica sobre as autorizacións e concesións vinculadas ao uso de Dominio Público Marítimo-Terrestre concedidas pola Xunta de Galicia no exercicio das súas funcións e competencias.

  • Necesidade e oportunidade da súa aprobación:

    O artigo 48.5 da Lei 4/2023, do 6 de xullo, de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia establece:

    “Artigo 48. Autorizacións e concesións do dominio público marítimo-terrestre

    5. O Consello da Xunta aprobará a creación do Rexistro de Autorizacións e Concesións no Dominio Público Marítimo-Terrestre, no que deberán inscribirse de oficio os títulos e as súas modificacións, así como, de ser o caso, os seus pregos de condicións. Este rexistro terá carácter público e, polo tanto, será accesible e susceptible de emitir unha certificación sobre o seu contido.”

  • Obxectivos:

    Os obxectivos, polo tanto, que persegue a regulación deste rexistro son os seguintes:

    • Necesidade. O decreto obedece á obriga legal establecida na Lei 4/2023, do 6 de xullo, de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia.
    • Transparencia. O rexistro permitirá o acceso público á información básica sobre as autorizacións e concesións vinculadas ao uso de Dominio Público Marítimo-Terrestre concedidas pola Xunta de Galicia.
    • Seguridade xurídica. As persoas interesadas poderán obter, se é o caso, certificacións sobre o contido do rexistro.
  • Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:

    A través deste proceso participativo preténdese garantir que as persoas, centros directivos e entidades interesadas presenten as súas achegas e suxestións en relación á regulación deste rexistro.

  • Rango da norma:

    Decreto