Decreto polo que se modifica o Decreto 55/2004, do 4 de maio, polo que se establecen as retribucións adicionais vinculadas a méritos docentes, investigadores e de xestión do profesorado universitario

Órgano ou entidade impulsora: Secretaría Xeral de Universidades

Departamento: Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional - Secretaría Xeral de Universidades

Estado actual: Consulta pechada

Prazo no que estivo aberta a consulta: 20/02/2026 - 06/03/2026

Información sobre a norma :

  • Antecedentes:

    O Decreto 55/2004, do 4 de maio, establece o réxime dos complementos retributivos autonómicos vinculados a méritos docentes, investigadores e de xestión do profesorado universitario das universidades públicas galegas. Dende a súa aprobación, este decreto constituíu un instrumento esencial para a promoción da calidade e da excelencia no Sistema Universitario de Galicia. Ao longo dos seus máis de vinte anos de vixencia, a norma viuse afectada pola xurisprudencia do Tribunal de Xustiza da Unión Europea, así como polas sucesivas modificacións da Lei orgánica de universidades. A aprobación da Lei orgánica 2/2023, do Sistema Universitario (LOSU), introduce unha profunda modificación do marco xurídico estatal aplicable ao profesorado universitario, o que fai necesaria a adaptación da normativa autonómica vixente para garantir a coherencia normativa e a seguridade xurídica.

  • Problemas que se pretenden solucionar:

    O réxime actual dos complementos autonómicos presenta limitacións derivadas da súa vinculación a categorías profesionais e momentos concretos da carreira académica, o que impide recoñecer adecuadamente méritos docentes, investigadores e de xestión acadados en distintas etapas profesionais. Así mesmo, determinadas esixencias e procedementos establecidos no Decreto 55/2004 resultan hoxe obsoletos ou incompatibles co novo marco legal definido pola LOSU, xerando inseguridade xurídica e dificultades na súa aplicación práctica. Por outra banda, a experiencia acumulada evidencia a existencia de cargas administrativas innecesarias e marxes de mellora na claridade e axilidade dos procedementos de avaliación e recoñecemento.

  • Necesidade e oportunidade da súa aprobación:

    A modificación do Decreto 55/2004 resulta necesaria para adaptar o sistema de complementos autonómicos á realidade actual da carreira académica, caracterizada pola acumulación progresiva de méritos ao longo de toda a traxectoria profesional. A nova regulación permitirá aliñar o marco autonómico coa Lei orgánica 2/2023, do Sistema Universitario (LOSU), garantindo a coherencia normativa, a igualdade de trato entre as distintas figuras de profesorado e a adecuada valoración da excelencia académica, con independencia da figura contractual desde a que se xere.

    Así mesmo, a reforma reforza un modelo de avaliación baseado na traxectoria académica global, permitindo a valoración dos méritos docentes, investigadores e de xestión ao longo de toda a carreira profesional, sen vincular o seu recoñecemento á obtención dunha determinada figura académica.

    A reforma constitúe tamén unha oportunidade para simplificar procedementos, reducir cargas administrativas e mellorar a eficiencia na xestión das avaliacións por parte das universidades e da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia.

  • Obxectivos:

    Actualizar o réxime dos complementos retributivos autonómicos para adaptalo ao marco legal establecido pola Lei orgánica 2/2023, do Sistema Universitario.

    Recoñecer e valorar adecuadamente os méritos docentes, investigadores e de xestión do profesorado universitario ao longo de toda a súa carreira profesional.

    Mellorar a claridade, seguridade xurídica e eficiencia dos procedementos de solicitude, avaliación e recoñecemento dos complementos autonómicos.

  • Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:

    A principal solución consiste na modificación do Decreto 55/2004 mediante un novo decreto que actualice os requisitos, criterios e procedementos de recoñecemento dos complementos autonómicos.

    Como alternativa non regulatoria, poderían introducirse adaptacións a través de convocatorias ou instrucións administrativas, aínda que esta opción non permitiría resolver as incoherencias normativas nin garantir a plena adaptación ao marco legal estatal.

    Por este motivo, considérase que a modificación regulamentaria resulta a opción máis axeitada e eficaz.

  • Rango da norma:

    Decreto

Achegas e opinións recibidas: 20