Decreto polo que se regula o Rexistro das entidades de control e certificación dos produtos alimenticios de Galicia

Órgano ou entidade impulsora: Dirección Xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria

Departamento: Consellería do Medio Rural - Dirección Xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria

Estado actual: Consulta pechada

Prazo no que estivo aberta a consulta: 12/11/2025 - 29/11/2025

Información sobre a norma :

  • Antecedentes:

    O Regulamento (UE) 2017/625 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de marzo de 2017, relativo aos controis e outras actividades oficiais realizados para garantir a aplicación da lexislación sobre alimentos e pensos, e das normas sobre saúde e benestar dos animais, sanidade vexetal e produtos fitosanitarios constitúe un marco lexislativo único para a organización dos controis oficiais co fin de comprobar o cumprimento da lexislación da Unión Europea relativa á cadea agroalimentaria.

    A Lei 1/2024, do 11 de xaneiro, da calidade alimentaria de Galicia crea, no seu artigo 86 o Rexistro de entidades de control e certificación de produtos alimenticios de Galicia e establece que regulamentariamente se determinará o contido, a estrutura e o procedemento de inscrición no devandito rexistro.

  • Problemas que se pretenden solucionar:

    A defensa da calidade dos produtos alimentarios, e especialmente os produtos de calidade diferenciada, debe estar garantida tanto nos mercados como para as persoas consumidoras por medio de sistemas de produción e control certificados, que cumpran os parámetros da seguridade alimentaria, buscando os mecanismos precisos que impidan as fraudes na produción e comercialización, así como as suficientes garantías en materia de indicación xeográfica de orixe e outros distintivos de calidade.

    Mediante a regulación do rexistro, vaise posibilitar que as entidades de control e certificación de produtos alimenticios poida estar rexistradas para os alcances que pretendan efectuar e resulten facilmente accesibles e identificadas polas persoas operadoras.

  • Necesidade e oportunidade da súa aprobación:

    As persoas consumidoras son cada vez máis esixentes nas súas demandas de produtos, buscando que a calidade recoñecida estea garantida de forma expresa e clara, de tal maneira que lles permita acceder sen dúbida aos produtos que realmente buscan.

    A necesidade de establecer controis no ámbito da calidade, e especialmente dos produtos de calidade diferenciada, realizada polas entidades de control e certificación é unha condición indispensable e inescusable para acceder aos mercados.

    Estas entidades deben non soamente ter a condición de independentes, senón que tamén están sometidas a unha serie de obrigas que garantan a calidade e rigor da súa actuación, a solvencia técnica necesaria, en forma de estar debidamente acreditados, a imparcialidade e, polo tanto, a creación do rexistro obriga a que se rexistren, previa comprobación do cumprimento dunha serie de requisitos que garantan a idoneidade desas entidades

  • Obxectivos:

    Regular o contido, a estrutura e o procedemento de inscrición no Rexistro de entidades de control e certificación dos produtos alimenticios de Galicia e permitir a inscrición nun rexistro de carácter administrativo, público e único tanto ás entidades de control e certificación de produtos alimenticios de Galicia que pretendan desenvolver a súa actividade en Galicia para un alcance para o que non están recoñecidas con carácter definitivo por outra administración pública, como as entidades de control e certificación de produtos alimenticios que pretendan operar en Galicia e  foran autorizadas recoñecidas con carácter definitivo por outra administración pública para un alcance concreto.  

  • Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:

    A única vía adecuada é a aprobación dun novo decreto toda vez que existe o mandato legal de que se regule por medio de disposición regulamentaria.

  • Rango da norma:

    Decreto